Sr. Félix González, na súa Carta ao Director di vostede que Salvaterra mudou moito nunhas cousas para ben e outras cousas non mudaron como o Sr. alcalde. Ten razón, temos en xeral bos servicios e o regidor non mudou porque os veciños o votaron sempre con maioría absoluta, dende fai anos.

Se temos servicios atractivos, como di o Sr. González, para vir aos domingos, tamén serán atractivos para os que viven aquí. Somos o Concello da comarca a onde máis veciños novos veñen a vivir, especialmente os xóvenes, por algo será, será que aquí teñen mais servicios e mellor calidade de vida que nos seus concellos de orixe. Sobre a Plisan (conseguimos traela para este Concello) os veciños saben que os atrancos non foron culpa deste equipo de goberno, todo o contrario, vostede ben sabe quen foron os culpables. Agora por fin xa está adxudicada e estará rematada no próximo ano.

Sobre o aparcamento do centro médico o pleno xa aprobou unha modificación do planeamento para poder facer aparcamentos no casco urbano. A Biblioteca sabemos que hai que facer unha nova, porque a actual faise pequena; a ubicación da nova será no edificio do Concello Vello e as obras comezarán a final de ano. Claro que a Xunta non podía dicir que non ao alcalde a facer o Museo do Viño. Hai que darse conta da importancia que ten o Mundo do Viño tanto no noso concello como na comarca, a nivel económico, social, cultural, histórico e turístico e da moitos postos de traballo. O camiño de Vilacoba farao a Xunta e segundo esta as obras comezarán en setembro.

Vostede di que deixamos un legado de cinco obras importantes, pero esquécese a sabendas das seguintes: a ponte internacional, o polígono industrial, o IES, compra das Murallas, castelo e Casa do Conde e posterior rehabilitación, rehabilitamos pesqueiras, muíños, 11 Casas de Cultura nas parroquias, Piscinas e cursos de natación (nestes anos máis de 2.000 nenos aprenderon a nadar), Pistas de tenis, Polideportivas, 2 pavillóns, Ponte Cordeiro, wifi gratuíto en todas as parroquias (dos poucos Concellos de España), Capela da Virxe de Fátima, depuradoras, obras de alcantarillado (empezaranse as obras de saneamento en Oleiros a principios de ano), abastecemento de auga para 14 parroquias, 7 Escolas Unitarias, gardería, 3 campos de fútbol (firme novo no do Casal antes de fin de ano), servicio gratuíto de bicicletas, 4 fontes e somos un dos concellos que máis m2 ten de zonas verdes por habitante.

Fala de modelo de goberno esgotado porque levo bastantes anos. Noutros concellos, no mesmo periodo de tempo e con varios alcaldes, todos eles xuntos fixeron menos co que está feito en Salvaterra.

Por último vostede asina a súa carta como Félix González Fernández, pero oculta que aínda é concelleiro do PSOE na oposición, e será por iso, que se esquece de mencionar todo o que se fixo neste Concello? Non quero ser mal pensado, pero será porque chegan as eleccións municipais.