Antes que a igrexa e a casa do concello, antes que o río que a aperta, o primeiro que albiscamos ao entrar nunha vila é o tanatorio. Adoito cunha morea de xente a despedir a un morto ao que, se cadra, há tantos anos que non ve, como carro conduce.

Os que ainda exercemos de peóns de pé, que non de albaneis, decatamonos de que a xente xa non se atopa. Agora é preciso se procurar concertando cita o mesmo que cando se vai a practicar unha ortodoncia. E iso todo debémosllo á razón fabril, ao concepto de eficacia capitalista, ao máis no menor tempo. Só freamos na meta previamente planificada durante un intre fugaz, o indispensavel para botarlle unha olladela esguellada á vindeira meta. Somos coleccionistas de metas que nen sequer eleximos nós. Metas exitosas con cenouras que outros deseñaron. E é por iso que somos autómatas no canto de seres autónomos. E é por iso mesmamente que xa non vivimos, a duras penas funcionamos.

Así como há roupa prèt a porter e as modistas de bairro que che cadravan un traxe á túa medida traballan todas para algunha trasnacional que marca a tallaxe para que sexa a persoa quen se confeccione, así tamén os lobbies tallan os nosos ritmos de vida, hábitos alimenticios, desexos e leceres... e até os nosos ritmos circadianos.

Basta fitar o xantar e mailo sexo para ver que vivimos nunha tanatocracia que amosa a lóxica da xeoestratexia vilega dos tanatorios e o noso ancestral culto á morte. Non hai mais que sentar a ver calquera deses programas de cociña da tv para decatarmonos que o que menos importa é o pracer polos manxares e a súa elaboración senón a meta, a maldita eficacia, a rematar canto antes coa calidade medida con patrones alleios ao criador que non procura ningunha arte culinaria senón un plato de deseño que simplesmente funcione para o aplauso do grande público de espectadores autómatas que nada esperan.

No que ten ao sexo, a cousa é cuspidiña ao que acontece coa gastronomía pero sen concurso de meniños polo momento. Padal e creatividade van sendo arrombados pola competitividade, as metas e todos os aparellos pseudorientais ao servizo do consumo e do postureo. A orixinalidade e o pulo da diferencia, do que há de único en cada un de nós morre no culto ao tanatos.

Porén, que é a vida sen o eros, sen o desexo como motor primordial senón un xélido tanatorio á vista de todos?

Vivimos nunha sociedade que non valora os procesos! Somos eternos infantes vertoláns que non admiten o ir indo. Non toleramos a espera. Demorar é un verbo proibido. Sempre parecemos ansiosos por estaren nalgures, xusto onde non estamos ou incluso en todos os algures a un tempo.

A nosa vivencia do tempo é quen nos mata o desexo. A velocidade fai que todo o vivamos en anacos sen sentido. Xa nin me arrisco a escrever moitas oracións subordinadas (para iso xa están os curas). Así que andamos petiscando na vida pero iso non sacia, é só un aperitivo. Petiscamos na política sendo consumidores de falsos programas con obsolescencia programada. Petiscamos nas redes, nos livros, nas artes, nas profesións, nas persoas, nas culturas, nas canles de tv, nas novas dos xornais...

A esquizofrenia social da tanatocracia fainos vivir como personaxes dun teatro de máscaras pero representando nun mesmo acto diferentes papeis con guión previo, nunha obra onde só há posturas inmobeis.

Cando comezamos a practicar unha forma de tai chi decatámonos de que nunca atinxiramos a vida como proceso até ese intre. En tai chi deixamos de utilizar o movemento, é dizer, o proceso como un medio, para convertelo nun fin en si mesmo. Vivimos coa plena conciencia de que todo movemento exterior, toda expiración, ten un movemento interior, unha emoción ou inspiración. Entre eles vivimos unha pausa. A lentitude permite tomar conciencia, sentir e criar no canto de reproducir.

Na familia, na escola, no traballo... apréndennos o contrario. Cando vivimos con plena conciencia e non fazemos da nosa vida unha concentración parcelaria ou unha controlada repovoación forestal desaparece o medo a ser diferente que está na orixe de todos os asoballamento e abusos, de todo maltrato e acoso... de toda violencia nas estruturas de poder.

O mundo será ben outro cando antes que a igrexa e a Casa do Concello, antes que o río que a aperta, o primeiro que albisquemos ao entrar nunha vila non sexa o tanatorio senón o erotorio ou centro de tai chi.