Son parkinsoniana. Como vostede pode ser loira, alta ou baixa… é unha carácterística que morrerá conmigo, como calquera das outras citadas. Son parkinsoniana dende hai moitos anos, dende ben moza. Son eses feitos que quedan aí gravados, cos que hai que aprender a vivir, e sobre todo aprender a mellorar a nosa calidade de vida.

Estou operada dende hai 7 anos no CHUS de Santiago de Compostela. ¡Cambioume a vida!...

Ata aquí un pequeno resumo da historia, como hai moitas outras… pero o motivo deste escrito non é contar a miña vida senón, dalgún xeito, denunciar a pouca humanidade e a moita ignorancia dalgunhas persoas.

A operación de Parkinson consiste na implantación duns electrodos que, conectados cunhas pilas, corrixen, entre outros, os defectos citados anteriormente. Isto vai cambiar pero polo momento é así.

Se chegado o caso estas pilas, e por causa allea, perden a súa forza, ou quedan a cero, ti, en cuestión de segundos, comezas a cambiar: a túa expresión facial vólvese “sen expresión”, os teus músculos se agarrotan, comezas a tremar, comezan as dores, os movementos descoordenados…etc…etc… e necesitas axuda ata para separar a sábana da túa cama.

O rápido deterioro é tan asombroso, que só pides axuda… axuda... e máis axuda…

O único hospital de Galicia que fai este tipo de operacións é o CHUS de Santiago de Compostela. Desde o momento da operación en todo ao que se relacione con ela, dependemos deste hospital.

É polo que, hai uns anos, descargáronseme as pilas e daquela xa xurdiron problemas, pero para que aquel feito non volvese a ocorrer dirixín escritos ás autoridades competentes e solucionouse: dende aquela hai varios doctores que coñecen este feito.

Pero… o domingo día 5 do mes e ano que andamos, xa de mañá, acordei rara, cun tremor no brazo dereito que me din de conta de contado, de que aquilo non ía ben.. ¡e así foi! un día interminable para min, non digamos a noite… por iso, ás 7 da mañá do luns estaba camiño de Santiago.

Chamei á enfermeira dicíndolle que ía para alá e tentou disuadirme dicíndome que non fora que o meu médico non estaba. Chegada a Santiago: outro doctor do equipo. Ata aí moi ben. Pero non tan ben cando un e outra (médico e enfermeira) tentaron de novo que volvese á seguinte semana. Ante a miña insistencia dixéronme que fose por urxencias. E aí comezou o meu calvario: de urxencias de novo á consulta, e desde as 9 da mañá ata as 2 da tarde sofrindo e aturando as dores, o malestar e todo o estado que conleva esta desconexión, por non perder 5 m. do seu tempo (que é o que leva conectar de novo as pilas) ou das consultas que tiña programadas do devandito doctor.

Por iso eu fágome unha pregunta: ¿Como é posible esa falta de humanidade? ¿É que a dor allea non nos importa o máis mínimo? ¿Por que non tentamos solucionar os problemas en lugar de acrecentalos? Se non custaba nada demostra-la nosa humanidade… ou ben ¿cremos que estamos por riba do ben e do mal?

Pero… ¿é falla de humanidade ou é prepotencia?