A antiga Escola de Comercio de Vigo, hoxe Escola de Estudios Empresariais, con sede na rúa de Torrecedeira, corre o risco de desaparecer do mapa se a Universidade de Vigo consigue consumar a súa proposta de pechala para sempre, dilapidando non só unha longa historia digna de ser tida moi en conta, senón un plan de estudios serio, recoñecido a nivel internacional, apreciado polo sector empresarial da comarca e cunha proxeción práctica da que carecen outros centros ou facultades da Universidade.

Certo que a actual coxuntura europea esixe unha transformación do plan de estudios vixente na Escola. Ten que desaparecer a Diplomatura para converterse en Grao, Grao de Comercio, que é o que mellor lle vai ó vixente plan de estudios impartido na Escola. Dende estas perspectiva o único que haberá que dilucidar é como transformar o vixente plan de estudios da Diplomatura (con materias distribuídas en tres anos) en Grao en Comercio (catro anos). En todo caso haberá que respectar e, incluso, potenciar o aspecto práctico que ven caracterizando o plan de estudios da Escola.

O Grao en Comercio non existe na Universidade de Vigo. Igual que a actual licenciatura de Empresariais se transformara en Grao en Administración e Dirección de Empresas, por que Diplomatura da case centenaria escola non se pode transformar en Grao en Comercio? Non é incompatible coa titulación resultante da actual Facultade. Os plans de estudio teñen distinta orientación e son perfectamente compatibles igual que o foron ate agora.

O número de matrículas da Escola de Empresariais está máis que consolidada (200 alumnos por ano). Esta demanda correspóndese coas necesidades do mercado de traballo de profesionais formados nela. Hai máis peticións que titulados. Os profesionais formados nas Facultades non teñen tanta saída, quizais por tal motivo a solicitude de matrícula non acade o medio centenar. Só estas razóns abondarían para urxir ós responsables da Universidade a comezar, sen máis tardanza, a preparar o novo plan de estudios para o Grao de Comercio.

Os alumnos e profesores da Escola teñen a razón e o apoio das forzas vivas e institucións da cidade e comarca. Se a Universidade quere manter a súa finalidade de servizo á sociedade onde radica, os seus responsables, co Rector á fronte, non teñen máis saída que dialogar coa Escola, escoitar o que teñan que dicir, e pór en marcha xa a transformación. Nin hai razóns académicas, nin xurídicas, nin de ningún outro tipo que xustifiquen a actitude contraria a adaptación do plan de estudios da Escola de Empresariais en Grao en Comercio.

O prestixio da Escola, por último, está recoñecido tamén a nivel internacional e concrétase nos convenios asinados; por exemplo, coa Volkshochschule de Bochum (Alemaña, Estado da Renania do Norte-Westfalia), que ten unha gran autonomía dentro da Universidade do Ruhr, en cuxo campus radica.