Casco Vello de Baiona ás doce da noite. Noite de San Xoán. Unha morea de persoas tenta celebrar a noite nun recuncho da plaza Santa Liberata. Foi o único espazo que lle deixaron. Seica o chan é novo. Nun recipiente do tamaño dunha caixa de froita arde a cacharela. Nisto quedou a fogueira, reducida á mínima expresión. Disque non se pode facer máis. Celebrar o San Xoán non é doado. O lóxico e desexábel sería que o concello pusexe unha plataforma na plaza para a fogueira. O lóxico e razoábel sería que o concello facilitase a colocación doutra fogueira na plaza do concello ou na praia. O lóxico e recomendábel sería que o concello facilitase as sardiñas.

A noite de San Xoán é unha festa animista celebrada en cada vila antes de que os concellos fosen concellos. É bastante máis natural promocionar o San Xoán que as semanas rocieras. Non nego que levar unha mantilla española teña máis glamour que saltar unha cacharela, non... A noite das fogatas ten moita máis tradición que todas as festas medievais xuntas. Pero semella que nalgúns lugares está totalmente esquecida. As festas medievais son un producto turístico ideado para atraer a moitos visitantes que consuman e consuman sen parar. Porque senón habería máis xoglares e menos chourizos. Creo que os únicos lugares sen festa da historia son Vallecas e o polígono industrial das Gándaras. Pero están nelo.

Logo chegarán as festas da vila e virá un pregoeiro de indubidábel fama e maestría. Virán os Tonechos, Pereiro ou a Mengod. Dirán catro parvadas e encherán o peto. Pero iso si que ten glamour e non o San Xoán...