Letras galegas

Gondomar celebra a Luísa Villalta con literatura e música

Hoxe terán lugar os últimos actos conmemorativos

Luísa Villalta Gómez   | // D.P.

Luísa Villalta Gómez | // D.P. / d. p.

d. p.

O Concello de Gondomar fechará hoxe a súa programación especial para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano adícase a Luísa Villalta.

Os últimos actos desta programación son un pasarrúas da Banda de Música Guláns ás 10:30 horas, e o concerto da banda Agrupación musical de Vincios, ás 20:00 horas na Praza Paradela. As conmemoracións comezaron o pasado luns e estendéndose toda a semana.

En colaboración co IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) organizáronse diversas actividades: un recital poético no que participaron Manuel López Rodríguez e Fran Fernández Dávila, unha charla de Xina Vega titulada “Eu misma me vin mirar-me a min que me miraba. Luísa Villalta ou a extrema autoconciencia”, a presentación do poemario DES A MAR ultrasónico, de Elba Pedrosa; e a lectura por parte do grupo Teatro do Ar do texto O amor das Pedras, de Pedro Rodríguez, gañador do premio Nortear 2022.

O día de onte, 17 de maio, celebrouse coa Festa da Bicicleta e un acto poético-musical na praza Rosalía de Castro.

Luísa Villalta Gómez foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución.

O colectivo de crítica literaria feminista A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, xustificando a súa escolla na “complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo”, e a Real Academia Galega escolleuna para dedicarlle o Día das Letras Galegas neste 2024, destacando dela que foi a “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90”.

Formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, así como de diversos grupos de cámara galegos. Desenvolveu unha intensa actividade cultural: deu seminarios, recitais de poesía e palestras, entre outros. Colaborou en varias publicacións e participou en entidades como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Foro da Cultura Galega ou A Mesa pola Normalización Lingüística.