Deporte

Arbo inicia a celebración da Festa da Lamprea coa Marcha BTT

O evento, para o cal está a inscrición aberta, celebrarase o domingo 14 de abril

Saída da BTT da Lamprea na pasada edición.   | // FDV

Saída da BTT da Lamprea na pasada edición. | // FDV / d. p.

d. p.

Volve a Marcha BTT da Lamprea ao Concello de Arbo, unha proba non competitiva, e a que poden inscribirse tanto ciclistas federados como afeccionados, que ten como obxectivo principal promocionar o patrimonio natural do municipio e a LXIV Festa da Lamprea que terá lugar os días 26, 27 e 28 de abril. A Marcha BTT será o domingo 14.

As persoas que queiran participar nesta actividade deberán inscribirse, con prazo ata o 10 de abril, a través da páxina web da Festa da Lamprea https://festadalamprea.gal/evento/viii-marcha-btt-da-lamprea. As prazas dispoñibles están limitadas a 150, co fin de que os participantes “desfruten da proba e do percorrido. 45 quilómetros aproximadamente de percorrido en bicicleta polo municipio de Arbo, unha actividade atractiva tanto para os participantes como para os espectadores”, informou o alcalde Horacio Gil. E ademais de deporte “ao rematar os participantes poderán degustar gratuitamente o viño das adegas de Arbo e a Lamprea arbense”.

A saída as 09.30 horas dende o Praza do Concello, onde se fará a recollida de dorsais. O prezo da inscrición é de 10 euro por participante e inclúe seguro, avituallamento, degustación de viño e lamprea de Arbo e agasallo recordatorio.

Arbo está intimamente ligado á lamprea e ao viño. Tal é a súa relevancia que, nesta localidade, o peixe e as uvas forman parte do escudo e da bandeira do municipio. Unha unión que tamén se mantivo na gastronomía coa transmisión, de pais a fillos, de receitas como lamprea en empanada, lamprea á prancha, fritida e rebozada, guisada con fideos, entre outras, informan dende o Concello.