Salvaterra brindará con 15 espumosos

Arriba, asistentes á festa con espumoso e tapas. Á esquerda, brinde tras o “degüelle”  a sable de espumoso.   | // ANXO GUTIÉRREZ

Arriba, asistentes á festa con espumoso e tapas. Á esquerda, brinde tras o “degüelle” a sable de espumoso. | // ANXO GUTIÉRREZ / V.Palleiro

V. Palleiro

Salvaterra de Miño acollerá esta fin de semana, hoxe e mañá, a súa novena Festa do Viño Espumoso, na que participarán 11 adegas da D.O. Rías Baixas que darán a coñecer máis de 15 dos seus viños espumosos a todas e todos os asistentes.

Salvaterra brindará con  15 espumosos

Salvaterra brindará con 15 espumosos / V.Palleiro

Unha festa gastronómica de outono que superou os 5.000 asistentes na última edición e que para esta fin de semana, as previsións non desmerecen para nada esa cifra.

O recinto amurallado de Salvaterra será unha vez máis o escenario, cunha gran carpa con calefacción e elegantes mesas ataviadas con decoración moi coidada para ir preparándonos para as festas que se aveciñan. “Non fai falta reservar e haberá mesas de todo tipo, mesas altas para quen queira tomar un viño e picar algo, haberá mesas para dúas persoas e mesas moito máis grandes con cadeiras para xantar ou cear comodamente escoitando música en directo” detalla a alcaldesa Marta Valcárcel.

Haberá gastronomía para todos os gustos; desde mexillóns, ostras ou tapas variadas, ata empanada ou embutidos, pasando tamén por suxerencias máis doces como as filloas, os bombóns o turrón ou o chocolate.

“Serán prezos asequibles pensando en todas as persoas. Poderá tomarse desde unha única copa de espumoso ata pedir unha botella, ao gusto de cada un” explica a alcaldesa, quen se mostra moi satisfeita polo éxito da posta en valor dos espumosos acadada con esta festa, que o ano que vén cumpriá unha década. “Moitas veces cando pensamos en espumosos, solemos vinculalo cunhas datas ou celebracións concretas, pero o espumoso non só ten cabida no Nadal e non só co doce, senon que combina ben con calquera tipo de comida” afirma Valcárcel.

A festa comeza hoxe ás 12.00 horas. Será a inauguración e, a partir de esa hora, poderase degustar a gastronomía e os viños espumosos.

“Unha festa que a punto está de celebrar os dez anos e que mantén a mesma filosofía, por en valor os viños espumosos da nosa comarca, un produto que ano a ano vai gañando adeptos. Ademáis de viño e gastronomía este ano tamén haberá música para amenizar a festa” explica a rexedora.

O público poderá desfrutar con grupos que fan música para todos os gustos: Somoza Trío, La Comisaría, Nacional 81, Urbano Cabrera, Manuel Madarnás, Demasiadas Luces y Pocas Sombras, entre outros.

Programación

A inauguración este mediodía será coa actuación da Asociación Cultural Pontenova e a apertura dos stands, que xa poderán visitarse ata a noite.

Un dos grandes momentos da festa é o “degüelle” de botellas de viño espumoso a sable. Será ás 13.00 horas. A continuación será o coloquio sobre espumosos, ás 18.30 horas, impartido por Luis Paadín e Alejandro Paadín. Ás 19.30 horas actuará Urbano Cabrera e ás 21.30 horas comezarán os concertos de Comisaría e Somoza Trío.

Mañá domingo comezará a xornada ás 11.00 horas coa apertura das casetas. Ás 11.30 horas será o acto oficial de nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos. Media hora despois celebrarase a presentación e brinde.

Ás 13.30 horas está previsto o inicio do concerto de piano e voz de Manuel Madarnás.

Despois do xantar, ás 18.30 horas os asistentes poderán gozar co programa Festeiros da Televisión de Galicia, que contará coas actuacións de Demasiadas Luces y Pocas Sombras, Broke Acoustic Covers, Hanna Fikirte e Candela Fernández. Ás 21.00 horas comezará a actuación de Nacional 81.

A rexedora convida a todas e todos a elexir Salvaterra esta fin de semana : “Unha festa xa consolidada no calendario de todos os amantes dos nosos caldos e da nosa gastronomía pero que tamén escollen Salvaterra para desfrutar do seu entorno”.