Solidariedade

Porriño recada produtos de alimentación e hixiene infantís

A entrega pode facerse ata o día 11 nos colexios ou no pavillón y Serán destinados ás familias vulnerables

Presentación da campaña no CEIP Antonio Palacios.   | // D. P.

Presentación da campaña no CEIP Antonio Palacios. | // D. P. / l. c.

l. c.

O Concello do Porriño súmase unha vez máis ao Giving Tuesday, o movemento mundial que cada 28 de novembro promove actos de solidariedade e altruísmo.

Seguindo as indicacións das necesidades que detectan dende os Servizos Sociais do Concello, a Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, lánzase a campaña de recollida específica de produtos infantís de alimentación e hixiene baixo o lema “A hora de dar”. O alcalde Alejandro Lorenzo e os concelleiros Abel Estévez e Marcos Martínez, presentaron esta semana o inicio da campaña no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios.

“O obxectivo é dedicar unhas datas para celebrar o feito de dar”, explicou o rexedor. “Unha vez máis a recollida centrarase en produtos infantís, alimentos e produtos de hixiene para bebés, como cueiros das tallas 4, 5 e 6, cremas, toalliñas, xel, colonias, tarriños de puré e froita, leite, cereais.. para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menos recursos”.

A recollida, unha vez máis, realízase contando coa colaboración dos centros escolares, nos que se instalaron puntos específicos de entrega.

Dende o Concello convidan a toda a veciñanza a participar e informan de que as persoas interesadas en facer doazóns destes produtos teñen de prazo ata o vindeiro 11 de decembro para entregalos no punto de recollida habilitado no pavillón municipal do Porriño.

Esta proposta foi aprobada no pleno infantil municipal, celebrado o pasado 20 de novembro con motivo da conmemoración do Día Internacional da Infancia.