Tui, escenario de rodaxe documental

Xornada de rodaxe no Claustro da Catedral de Tui.   | // FDV

Xornada de rodaxe no Claustro da Catedral de Tui. | // FDV / l. c.

l. c.

O patrimonio xudeu de Tui formará parte do documental “Caminos de Sefarad, diario de una ciclista” cuxa rodaxe chegou fai uns días á cidade transfronteiriza. Trátase dunha serie documental que se emitirá en La 2 de TVE a vindeira primavera.

Ainara Hernando, ciclista e xornalista especializada nesta modalidade deportiva, percorrerá ao longo de 13 capítulos os municipios que contan cun destacado patrimonio histórico, artístico e cultural herdanza das comunidades xudías que os habitaron.

Baixo a dirección de Salva Ruiz e coa produción de Surf Chanel, esta serie contará tamén cunha proposta didáctica para descubrir a cultura sefardí.

En Tui, Ainara Hernando, xunto a Manuel Guerreiro da empresa Tamuxe Kayak, percorreu o Miño en piragua, desfrutando dunha panorámica do conxunto histórico dende o río, nunha calorosa mañá de outono. Logo diríxese ao conxunto histórico e fai parada na Catedral, da man do historiador Suso Vila, coñece a menorá gravada no claustro, os Sambenitos e outros elementos ligados á presenza xudía e criptoxudía na cidade.

Destes documental formarán parte tamén os outros dous municipios galegos membros da Red de Juderías de España, Ribadavia e Monforte de Lemos.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, amosou a súa satisfacción pola presenza de Tui nesta serie documental que “contribuirá á promoción turística da cidade a nivel nacional e internacional” e sinalou que “no capítulo gravado en Tui quedará reflectido a nosa gastronomía, o patrimonio, a natureza e a hospitalidade da cidade”.

Nava web turística

Por outra banda, e relacionado tamén coa cultura sefardí, que se integrou en 2019, da un paso importante coa posta en marcha por parte da Red do novo portal turístico Caminos de Sefarad, caminosdesefarad.com. Esta páxina web céntrase na promoción turística do patrimonio xudeu que conservan as cidades pertencentes a este colectivo, mentres que redjuderias.org mantén a súa actividade centrándose na información da actividade da propia Red.

A concelleira de Turismo salienta que esta nova web resulta de gran interese pois “ofrece os recursos precisos para que os interesados en coñecer a nosa cidade e o seu patrimonio ligado á presenza xudía se acheguen ata Tui como primeira etapa do roteiro que comprende as xudarías galegas - Tui, Ribadavia e Monforte de Lemos - xunto coa cidade de León.

A nova web, dispoñible en tres idiomas, español, portugués e inglés, ademais de destacar e dar protagonismo aos aspectos turísticos e patrimoniais da herdanza sefardí de cada unha das cidades da Red de Juderías, ten como obxectivo descubrilas a través de roteiros turísticos que conectan os 21 destinos.

Así articuláronse seis grandes roteiros distribuídos por áreas xeográficas. Nunha primeira ruta é posible descubrir as Xuderías galegas, de Monforte de Lemos, Ribadavia e Tui, e a de León. A ruta das Xuderías do Alto Ebro percorre as cidades de Tudela, Calahorra, Estella-Lizarra e Tarazona. A viaxe polas Xuderías Mediterráneas visita Barcelona, Sagunto e Lorca. Mentres as Xuderías Andaluzas percorre Lucena, Córdoba e Xaén, as Xuderías de Castela articúlanse en torno ao legado de Toledo, Segovia, Ávila, ademais da salmantina Béjar, e o último roteiro polas Xuderías estremeñas levará ao turista a coñecer Cáceres, Plasencia e Hervás.

Cada etapa dos roteiros está vinculada a unha das cidades da Red e en cada unha delas, ademais de material audiovisual promocional, pode descargarse de balde a guía turística deseñada especificamente para descubrir a súa herdanza xudía e acceder a unha base de datos de provedores de servizos da cidade.