Música

León Benavente, no cartel do Rock in Río Tea 2023

O festival ponteareán, de balde, será o 30 de xuño e 1 de xullo na Feira Vella

De izda. a dcha., Abraham Boba (voz e teclado), Luis Rodríguez (guitarra), Eduardo Baos (bajo) e César Verdú (batería).  | // RICARDO GROBAS

De izda. a dcha., Abraham Boba (voz e teclado), Luis Rodríguez (guitarra), Eduardo Baos (bajo) e César Verdú (batería). | // RICARDO GROBAS / D.P.

D.P.

O festival de música “Rock in Río Tea” celebrará o 30 de xuño e 1 de xullo a súa undécima edición en Ponteareas. De novo na Feira Vella cunha morea de propostas de balde. O festival conta co financiamento do Concello de Ponteareas, que incrementa este ano o seu apoio e a súa aposta pola música e a cultura.

O festival arrancará o venres 30 de xuño con tres actuacións de luxo. Aphonnic, un grupo que con cada un dos seus seis discos foi dando pasos de xigante ata conseguir crear un estilo propio e recoñecíbel que bebe do metal alternativo ou do metalcore. Tamén estará na cita a banda con máis táboas do panorama ponteareán, Errantes, que ofrecerá un espectáculo mítico que fará ao público bailar e cantar baixo unha infinidade de estilos. Non podía faltar o alumnado do CDM (Rock School), encargado de abrir esta nova edición do festival.

O sábado 1 de xullo será a quenda dun dos grupos máis esperados do cartel, León Benavente, unha das bandas de referencia do rock nacional. Tamén estará presente no Rock in Río Tea Aiko el grupo, que farán vibrar ao público cun repertorio que vai dende o pop máis duro ata o punk máis distorsionado. Estará tamén Venturi, unha banda de sonido british.

Esa mesma xornada tocará Fillas de Cassandra, o dúo formado por María Soa e Sara Faro que presentará en Ponteareas o disco galego do ano. Tampouco faltarán Visions of Johanna, os gañadores do Concurso de bandas co seu folk rock exquisito.

Tamén o sábado, o público poderá coñecer a María Gabeiras, Sara Casas e Caro, tres artistas emerxentes que participarán por primeira vez no festival baixo o paraugas de “Descúbreas”, un programa da Deputación de Pontevedra.