Educación

Alumnado do IES de Soutomaior achégase á programación informática

Unha actividade de Divulgaciencia, que remata o 4 de maio cunha feira

Alumnado do IES de Soutomaior nun dos talleres de Divulgaciencia | // D.P.

Alumnado do IES de Soutomaior nun dos talleres de Divulgaciencia | // D.P. / l. c.

l. c.

Un ano máis, o alumnado do Concello de Soutomaior achégase ao mundo da ciencia grazas ao programa Divulgaciencia. Neste marco, estudantes do IES Soutomaior recibiron unha sesión de “Introdución á Programación”. O obxectivo é desenvolver o seu interese e vocación por uns sectores cada vez máis demandados e que, definitivamente, serán clave no futuro profesional das novas xeracións.

Un proxecto educativo destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade do municipio é o obxectivo co que o Concello de Soutomaior organiza a segunda edición do programa Divulgaciencia.

A iniciativa, que comezou xa no mes de febreiro, inclúe diversas actividades, organizadas no Multiusos de Arcade e nos propios centros educativos, como obradoiros de tecnoloxía, xornadas de xogos científicos, visitas guiadas para experimentar na natureza, entre outras moitas, e como broche de ouro a celebración da segunda edición da Feira de Ciencias de Soutomaior.

II Feira de Ciencia

Será o xoves 4 de maio, en horario de mañá (de 10.00 a 14.00) e de tarde (16.30 a 18.00) na Alameda Talo Río en Arcade.

Nela exporanse os proxectos realizados polo alumnado participante, ofreceranse visitas guiadas ao público en xeral e celebrarase unha pequena festa animada por un espectáculo científico moi divertido no que se analizan as claves da evolución humana facendo ao público reflexionar sobre temas de actualidade.