Arte

Un mural inspirado nas mulleres creadoras para o espazo de autoarranxo do Rosal

Unha pintura mural con moita cor e figuras femininas para transmitir unha mensaxe de igualdade á veciñanza

O mural, obra da artista plástica Gemma Marqués.   | // FDV

O mural, obra da artista plástica Gemma Marqués. | // FDV / D.P.

D.P.

Traballar a igualdade dando protagonismo ás mulleres. Ese é o obxectivo do mural “Grandes artistas mulleres” que a muralista e artista plástica Gemma Marqués está a pintar no exterior do Espazo de Autoarranxo do Rosal. O resultado será, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, unha pintura “inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro”.

“O resultado será unha pintura mural con moita cor e figuras femininas recoñecidas para transmitir unha mensaxe positiva e de igualdade á comunidade escolar, pero tamén á veciñanza en xeral. É unha forma máis de continuar revolucionando mentes”, resalta a rexedora.

Así, Marqués representará nas paredes deste espazo situado a carón do CPI Manuel Suáres Marquier un mural no que aparecerá a pintora galega Maruja Mallo, a escritora africana Chimamanda Gnozie, a música inglesa Delia Derbyshire e a artista plástica xaponesa Yayoi Kusama.

A obra parte do proxecto feminista de Gemma Marqués titulado ‘AnónimAs. Retratos de musas cotiás’, co que a artista guardesa busca “reivindicar a todas as mulleres anónimas, nais, avoas, fillas, traballadoras e loitadoras que viven no máis absoluto anonimato”. “O seu labor, o seu esforzo diario coa familia e no traballo, non é recoñecido pola sociedade. Traballadoras do campo, do mar, dentro e fóra da casa, que fan e fixeron un gran traballo que queremos poñer en valor facendo unha homenaxe a todas elas”, recoñece a artista.

O mural, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, busca tamén desenvolver un discurso feminista poñendo en valor o patrimonio inmaterial, o legado de mulleres creadoras que sirvan de exemplo e inspiración, así como desenvolver a creatividade e o traballo a pé de rúa, dando exemplo ás novas xeracións.

Xunto con esta acción artística, o Concello do Rosal leva desenvolvido numerosas actividades de fomento da igualdade ao abeiro dos fondos deste Pacto de Estado, como os violentómetros colocados en distintos puntos do municipio, un valado publicitario na rotonda da Mata sobre o consentimento nas relacións sexuais ou os Cafés en Igualdade, que arrancaron con grande éxito de público o pasado mes de xaneiro e co que se crea un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese de forma distendida.