Empanada e croquetas de pan de millo e setas na Adega da Tía Carmen, guiso de fabas e setas no Alpendre, variado de croquetas de setas na Baxiña, tortilla e fajita de setas na Curuxeira, tosta de garavanzos con setas Bocadiño e mini burger de polo e trompetas dos muertos con carpaccio de setas de cardo e cheddar e niscalos ‘pibil’ e totopos de yuca con escuma de San Simón e caviar cítrico na Hamburguesería Maceira. Son os pratos que se servirán na gran degustación de mañá nos exteriores do Pazo de Mos e tamén os que se poden degustar ao longo de todo o mes de novembro en cada un dos seis establecementos de hostalería do municipio.

Logo das conferencias que se celebraron ao longo de toda esta semana e a saída didáctica para a recollida e identificación de cogomelos desta mañá, as XVIII Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos chegan este domingo ao seu fin con esta gran degustación, en horario de 12.00 a 15.00, tempo no que ademais dos pratos destes seis locais tamén haberá outros ofertados pola propia Asociación BaRes Mos, e o VI micomercado. Ademais, ás 12.00 horas, Susana Seivane ofrecerá un concerto en pequeno formato e pola tarde, ás 18.00 horas, volve a música da man de Paco Nogueiras e o seu espectáculo “Canto contigo” dirixido ao público infantil.

A mostra micolóxica e consulta aberta ao público estará operativa de 10.00 a 14.00 e de 17.00 horas a 20.00 horas.