Saúde

Persoal municipal do Porriño aprende a salvar vidas

Recibiron nocións básicas de reanimación cardiopulmonar

Participantes no obradoiro celebrado no Concello do Porriño.   | // FDV

Participantes no obradoiro celebrado no Concello do Porriño. | // FDV / l. c.

l. c.

Con motivo da celebración do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar, que este ano se desenvolveu baixo o lema “Aumentar a supervivencia da parada cardíaca é posible”, o servizo de Medicina Intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro organizou unha actividade informativa e formativa dirixida a diferentes colectivos, co obxecto de sensibilizarlles da relevancia e repercusións da morte súbita cardíaca e estimular a educación sanitaria entre a poboación nas técnicas de RCP.

O persoal de todos os departamentos municipais, incluído o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou nos talleres impartidos nas dependencias da Policía Local. “Saber dar unha resposta rápida e eficaz ante unha parada cardíaca é vital e pode chegar a duplicar a supervivencia”, explicou o rexedor. “Facelo correctamente é doado se sabes recoñecelos signos da parada cardiorespiratoria e proceder da maneira correcta”.

O alcalde agradeceu ao persoal sanitario a súa disposición e explicou que “conseguir que os espazos públicos sexan espazos cardioprotexidos non pasa só por dotalos de desfibriladores, tamén hai que formar ao persoal que diariamente os frecuenta para que poidan actuar. Por iso esta actividade formativa estenderase, da man do Concello, a todos os centros culturais das parroquias, clubs deportivos e centros educativos”.

Estes obradoiros leváronse a cabo tamén noutros cinco concellos da bisbarra: Mos, A Guarda, Tui, Ponteareas e Nigrán. Este ano, no marco do proxecto de colaboración coa Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, instrutores da Garda Civil que foron formados previamente polo Servicio de Medicina Intensiva, tamén participaron nestes obradoiros. Así, un total de 18 persoas, entre profesionais sanitarios e gardas civís, achegáronse a estas seis localidades para dar a coñecer a máis de 300 persoas as nocións básicas da reanimación cardiopulmonar.

Estas sesións foron dirixidas a calquera persoa interesada aínda que se lle deu preferencia a aqueles colectivos que adoitan ser os primeiros en intervir nun accidente como policía local ou protección civil.

O principal obxectivo destes obradoiros é dar a coñecer a cadea de supervivencia. A mensaxe é sinxela: como reiniciar un corazón en tres pasos: Comproba, que o paciente non responde e non respira; Chama, pide axuda correctamente (112 ou 061); e Comprime, inicia a masaxe cardíaca de xeito continuado e coa técnica correcta.

A rápida intervención eleva a supervivencia un 40%

A principal causa de paro cardíaco, de aparición repentina e inesperada nunha persoa que aparentemente atópase en bo estado de saúde, é o infarto agudo de miocardio, que provoca una fibrilación ventricular (arritmia que ocasiona que o corazón perda a súa capacidade de contraerse de forma organizada, polo que deixa de latexar). A persoa que sufre un paro cardíaco e non é atendida rapidamente pode morrer ao cabo duns minutos.

Segundo organismos internacionais, para que a supervivencia por paro cardíaco aumente, ao redor do 20% da poboación debería estar formada en técnicas de Resucitación Cardiopulmonar.

Así pois, considerando que a supervivencia de moitas vítimas depende da Reanimación Cardiopulmonar e da desfibrilación precoz, e tendo en conta que a intervención dentro dos 3-4 primeiros minutos aumenta as posibilidades de supervivencia a máis do 40%; cómpre aumentar a porcentaxe de persoas formadas en RCP. Ademais, os primeiros minutos son fundamentais non só para a supervivencia senón para reducir as secuelas.