Volven as Xornadas Micolóxicas e Forestais ao Concello de Mos. Como cada ano por estas datas, a localidade acolle unha semana de coloquios, con saída didáctica para a recollida e identificación de cogomelos, rematando sempre cunha gran degustación e mercado na xornada dominical, que neste 2022 contará ademais cun concerto de Susana Seivane e a actuación de Paco Nogueiras, pensada nos máis pequenos da casa.

De xeito paralelo, non faltarán as degustacións en diferentes locais de hostalería do municipio, que ademais de servir cadanseu prato típico da época na xornada do domingo, farano ao longo de todo o mes de novembro nos seus establecementos, incluíndoo na carta. A especialidade de cada un coñecerase no acto de presentación que está previsto que se celebre a vindeira semana.

Namentres, xa se deu a coñecer o programa de charlas que darán comezo o luns 31 de outubro. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos, de acceso libre, con reserva de praza. A primeira delas abranguerá o cultivo do castiñeiro en Galicia e correrá a cargo do enxeñeiro técnico Enrique Fandiño Cerqueira. A seguinte cita será o mércores 2, cando Alejandro Mínguez, xornalista e divulgador, secretario da Asociación Micolóxica de Celanova, imparta a conferencia “Media ducia de cogomelos que pasaron de comestibles a tóxicos”. O xoves 3 haberá unha sesión de iniciación á micoloxía da man de Puri Lorenzo, bióloga especialista en micoloxía. E o venres, “Cociñando cogomelos” con José Luís Tomé, da Federación Galega de Micoloxía.

O sábado, día 5, pola mañá realizarase a saída de campo, para o cal é preciso inscribirse previamente. E xa o domingo chegará o broche de ouro desta décimo oitava edición coa gran degustación de cogomelos e o VI Micomercado. Será de 12.00 a 15.00 horas, a cargo da asociación de Bares e Restaurante de Mos. Ademais haberá unha mostra micolóxica e consulta aberta ao público, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. E para amenizar a xornada tampouco faltará a música, primeiro da man de Susana Seivane, que ofrecerá un concerto en pequeno formato ás 12.00 horas, e, pola tarde, ás 18.00 horas, Paco Nogueira “Canto Contigo”.