A Asociación Virxe do Carme de Sela organiza a súa tradicional “Festa da Colleita” na Feira, na parroquia de Sela, no Concello de Arbo. A celebración durará dous días; o martes 11 e o martes 12 de outubro.

A xornada festiva comezará o martes 11, ás 20.00 horas, coa actuación do DJ Deivis e Pégate. Á súa vez os asistentes poderán degustar chourizos asados de maneira tradicional.

O mércores 12, festivo nacional, será o día grande da festa. Ás 11.00 horas, haberá misa solemne na honra a Santa Isabel e San Martiño e incluirá o ofrecemento dos froitos da colleita.

A partir das 12.00 horas haberá sesión vermú con polbo, degustación de viño novo amenizado pola Charanga Noroeste.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o tradicional “Desfile de Tractores” no que irán adornados con froitos e motivos da colleita e agricultura, percorrendo as rúas da parroquia. Ademais, ás 18.00 horas celebrarase o VII Concurso de Postres Caseiros.

O fin da xornada a asociación ofrecerá chocolate de balde para todos os asistentes.

Volta áos Anos 70

Festa da Colleita é una vella tradición que se remonta á década dos anos 70 do pasado seculo. Segundo os máis vellos da parroquia comezou no ano 1972 coa finalidade de ofrecer como agradecemento a Santa Isabel e San Martín os productos da colleita do outono.

Os participantes son veciños e veciñas da parroquia de Sela, que pouco a pouco, e co transcurso dos anos, foron sumando participantes de toda a vila de Arbo, doutros concellos limítrofes e mesmo do país veciño, Portugal.

A celebración xira en torno aos froitos propios da terra cultivados polos campesiños. Durante o oficio relixioso e a procesión, ocupan un lugar destacado as medas de palla, as espigas de millo e as cabazas colocadas nas paiozas, a augardente e outros licores propios, en clara alusión ao ambiente rural e tradicional que se pretende evocar.

Durante toda a xornada un augardenteiro destila bagazo que ofrece aos visitantes, xunto con postres caseiros e viño novo, ao tempo que desfilan os tractores, que substitúen aos carros de bois dos primeiros anos, adornados polos lugareños para facer un percorrido pola parroquia e dar así a benvida ao outono.

“A colleita” é un evento onde a veciñanza participa unida para amosar que Sela é unha parroquia singular, ao igual que a súa festa, única en toda a comarca do Condado-Paradanta.