As Danzas Brancas aparecen rexistradas no libro da confraría da Virxe do Rosario xa no ano 1800. “Este antigo libro que se atopa na igrexa recolle xa nese ano e entre outros moitos datos, o gasto das festas, entre eles, o das danzas” así o explica Mauricio Lamosa Blanco, membro do grupo de Danzas Brancas de Prado da Canda.

As Danzas Brancas foron pasando de xeración en xeración ata os nosos días, de nais e pais, de avós e avoas a fillos e fillas. Así foi no caso de Mauricio que as herdou da súa avoa e do seu avó, xa que os pais emigraran e non tiveran ocasión de practicalas.” “É unha danza que foi pasando de xeración en xeneración e é o único sitio do concello que as conserva, Posiblemente houbo nalgunha parroquia máis pero foise erdendo por diversos motivos”.

O pasado domingo e na honra da Virxe do Rosario, catro homes e catro mulleres danzaron na saída e na entrada da procesión. “As dúas danzas acompañan á virxe na procesion cando sae e cando se recolle. A primeira coreografía consiste en reverencias e cruces para a Virxe e a outra é unha xota balseada, composta de catro mulleres, catro homes e unha guía que pauta a coreografía ata configurar unha figuras”.

Segundo relata Mauricio, os traxes foron mudando ao longo dos tempos e nese libro da confraría parece que indicaba que se bailaba con turbantes non podendo concretar como eran ao non dispor de máis datos. “Algunhas persoas da parroquia fan referencias a adobíos con plumas e/ou flores. Agora non levamos nada diso porque non puidemos documentalo máis que verbalmente ao non haber fotografías”.

Mauricio Lamosa Blanco leva 35 anos bailando e xunto a guía do grupo, Lorena, e ao resto dos bailaríns, Adrián, Antonio, Natalia, Norberto, Tania e Sandra e Natalia recuperan cada ano a nosa tradición para que non se perda.