O Concello de Redondela presentou o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista, un certame que busca recoñecer o traballo que realizan as e os profesionais do xornalismo que, á hora de tratar temas relativos á violencia de xénero, fuxan dos sensacionalismos e salvagarden a intimidade tanto das vítimas coma das súas familias.

A segunda edición deste premio foi presentada na Casa do Concello de Redondela nun acto no que a alcaldesa, Digna Rivas, estivo acompañada de Joshua Mateo –fillo de Sesé Mateo– e a concellei-ra de Igualdade, Iria Vilaboa e no que a rexedora local reafirmou o compromiso do seu Goberno “na loita pola erradicación da lacra que supón a violencia machista en todas as súas manifestacións”. Non se pode acadar a igualdade, engadiu Digna Rivas, “mentres existan mulleres maltratadas e aterrorizadas polas súas parellas”. O premio tamén quere ser un “permanente recordatorio ás vítimas”.

Prazo aberto ata o día 30

O premio está dotado con 1.500 euros en metálico e aberto aos traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022.

Os traballos poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou por sede electrónica antes do día 30 deste mes de setembro.

As bases ao completo, poden consultarse no BOPPO nº 166 do 31 de agosto do 2022.