O Concello de Bueu vén de dar a coñecer a súa oferta de prazas en cursos de natación de outubro a decembro, en horario de mañá e de tarde, na piscina das Lagoas.

Clases de ximnasia e zumba nas instalacións da piscina. | // FDV

Esta actividade gratuíta contará cun total de dez grupos, catro de iniciación e seis de perfeccionamento tanto para persoas adultas como para cativada nacida entre os anos 2010 e 2016

A Concellería de Deportes que dirixe Ricar Verde incrementará así a oferta de actividades da piscina municipal das Lagoas. Os cursos, que serán gratuítos para as persoas usuarias, abriron a súa inscrición o pasado martes e serán dirixidos por monitores do Club de Natación Galaico de Pontevedra.

Segundo indican fontes municipais, a iniciativa está pensada inicialmente para ter lugar entre os meses de outubro e decembro deste ano, á espera da finalización do proceso de licitación do contrato de servizos para a apertura total do centro deportivo. No caso de non estar operativo a comezos de ano o contrato, prolongarase a actividade ata completar a tramitación administrativa.

Para as persoas adultas nacidas antes do 2006 o Concello conta con dous horarios nas mañás do luns e do xoves. De 10.00 a 11.00 horas terá lugar a clase de iniciación para un grupo de 8 persoas en cada un dos días, sumando así un total de 16 nadadoras. De 11.00 a 12.00 horas será a quenda do grupo de perfeccionamento, con 15 prazas para cada un dos días da semana para facer 30 no total. Así nos catro grupos de persoas adultas poden entrar ata 46 alumnos e alumnas.

No horario de tarde, e tamén os luns e xoves, a actividade está pensada para as persoas menores nacidas entre os anos 2016 e 2010. No caso das que non saiban nadar e queiran ir a iniciación terán un total de 16 prazas (8 por día) en horario de 17.00 a 18.00 horas. A continuación, de 18.00 a 19.00 horas e de 19.00 a 20.00 horas haberá dous grupos máis cada un dos días con 15 prazas en cada un para o alumnado menor que queira facer perfeccionamento.

As inscricións teñen que realizarse de xeito presencial na piscina sendo preciso que asista cada unha das persoas que se queira anotar no caso da xente adulta. Para o alumnado menor de idade poden achegarse os seus pais/nais/titores a realizar a inscrición para varios membros da mesma familia no caso de ser varios irmáns.

O horario da instalación é de luns a venres de 09.00 a 12.00 e de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres, mentres que os sábados está aberta só en horario de mañá. Para obter unha maior información poden chamar ao número de teléfono da piscina 986 138 689 ou escribir un correo electrónico ao enderezo piscina@concellodebueu.gal.

Ximnasia de mantemento e zumba tamén de balde

Os cursos de natación únense ao baño libre no vaso da piscina e as actividades de ximnasia de mantemento e zumba que se ofrecen tamén de balde nas diferentes salas da instalación.

As ximnasias na piscina, tanto en horario de mañá como de tarde, teñen un total de sete grupos con 25 prazas cada un, sumando un total de 175 persoas, mentres que para o zumba hai 100 prazas para asistir ás clases os luns e xoves pola tarde.

Ademais, tamén se ofrecen prazas de ximnasias adaptadas para as persoas con Párkinson que tamén empregarán o vaso da piscina, ao igual que a xente da ximnasia de mantemento terá sesión de ximnasia na auga.

Nos próximos meses incorporaranse equipos de musculación para ir completando a instalación ata a finalización do proceso de licitación, que está xa en trámite e que se pretende que poida ter operativa na súa totalidade a piscina nos primeiros meses do ano 2023, co horario completo de piscina, salas de máquinas e actividades.

A maiores, a actividade física tamén se estende co programa En forma nas parroquias en Beluso, Cela e Meiro cun total de 105 prazas, repartidas en 60, 30 e 15 persoas por lugar, respectivamente.