O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a concelleira de Xuventude, Noelia Ocampo, presentaron o II Festival Camicirco, que terá lugar o sábado 27 e o domingo 28 de agosto na localidade e que permitirá a todos os públicos, veciñanza e visitantes que se acheguen ao Peirao de Arcade, gozar de espectáculos circenses de todo tipo.

O sábado 27 de agosto o festival incluirá un obradoiro de artes circenses para todas as persoas, de calquer idade, que se queiran introducir neste eido. Iso si é requerida inscripción previa (xa pechada) porque as prazas son limitadas. Será de 11.00 a 12.00 horas no peirao de Arcade.

Rematado o obradoiro, ás 12.00 horas, comezará o espectáculo “Malabaridades” de Fran Boza, un portento do circo clásico e os malabares a pesar da súa xuventude.

Á noitiña, ás 21.00 horas, unha vez que a calor amaine, os espectadores poderán sorprenderse cos artistas de Desastronautas e as súas habilidades nas alturas co espectáculo “Máis alto aínda”.

O segundo e ultimo día do II Camicirco, o domingo 28 de agosto, i espectáculo no peirao de Arcade será máis cedo, ás 19.00 horas, e correrá a cargo de Circo Chosco, que presentará “Oh PERA”.

Un festival de circo ao aire libre que se consolida en Soutomaior. A primeira edición celebrouse en setembro e este ano o Concello optou por situalo a última fin de semana de agosto.