As visitas guiadas ao Monte Santa Trega que se ofrecen dende o Padroado Municipal de Santa Trega para que os visitantes e veciños podan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte, amplíanse nos meses de xullo e agosto con ata catro visitas diarias de martes a domingo, dúas de mañá, ás 12.00 e 13.00 horas, e outras dúas de tarde, ás 18.00 e 19.00 horas.

Neste ano 2022 recuperase a ampla oferta de visitas guiadas, que xa comezou no mes de xuño e que rematará no mes setembro.

“É importante promocionar e poñer en valor o Monte Santa Trega e os seus xacementos arqueolóxicos, así coma o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT), para que os nosos visitantes coñezan todo o patrimonio e a historia dos nosos antepasados”, sinala o concelleiro de Turismo da Guarda, Rafael Álvarez, quen explica que os percorridos “contan cun guía local, experto en historia que traslada os seus coñecementos en cada visita dun xeito sinxelo e animado para que os participantes se embriaguen da cultura castrexa e o patrimonio do noso municipio”.

Este ano as visitas guiadas están centradas no Castro de Santa Trega. Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada realízase un percorrido completo dende a porta norte ata a porta sur, recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos como as vivendas reconstruídas, a zona de Mergelina e o concheiro.

As prazas seguen a estar limitadas polo que se precisa inscrición previa no Museo Arqueolóxico, chamando ou enviando mensaxe de WhatsApp ao teléfono 690 01 70 38 ou a través do correo electrónico masat@aguarda.es. A visita é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte en vehículo deberán abonar o prezo público.

A duración aproximada é de 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal.