A Banda de Música Popular de Tui e o presidente da Comunidade de Montes de Guillarei asinaron ante notaria a cesión dun local comunal para os ensaios da Banda de Música Popular en Tui, de modo que despois de dous anos volve ter un lugar onde practicar e preparar as súas actuacións.

Os comuneiros de Guillarei deron, en asemblea, o visto bo para poder levar a cabo esta cesión por 15 anos, a cambio de reformar o edificio e realizar o seu mantemento.

O local cedido é o antigo centro cultural desta parroquia que actualmente está en desuso, aínda que era empregado nalgunhas ocasións par impartir actividades e ensaios da propia asociación Lembranzas.

Por decisión do Concello e do propio conservatorio, a banda tudense tivo que deixar de ensaiar no edificio do conservatorio en 2020, onde levaba facéndoo desde facía máis de vinte anos.

Durante este tempo, a banda continuou coa súa actividade grazas a Comunidade de Montes de Guillarei e o apoio da Asociación Lembranzas da Terra de Guillarei, que foron os que lle prestaron o seu centro cultural para os ensaios.

En breve, e dacordo coas esixencias da cesión, a banda comezará coa reforma do edificio do centro cultural para a que conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, así como de fondos propios.