“Resulta tremendamente satisfactorio e esperanzador comprobar como a solidariedade municipalista galega pode reverter situacións de inxustiza social e pobreza. Desde Nigrán e desde o Fondo cremos na cooperación internacional e o noso obxectivo é tamén sensibilizar a nosa poboación neste sentido”, explicaba o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, na súa última visita a Mozambique.

A solidariedade galega reverte situacións de inxustiza e pobreza

González acudiu a pasada semana a un dos países máis empobrecidos para supervisar os proxectos apoiados no país lusófono no eido dos dereitos da infancia, construción de vivendas ou dotación dos servizos de auga e alumeado público, entre outros. González estivo acompañado polo tesoureiro e edil de Cartelle, Daniel Fernández, a concelleira de Benestar Social de Cambre, Lúa Sanguiñedo, e unha responsable técnica do Fondo.

“Son viaxes que emocionalmente marcan moito e, desde logo, eu estou seguro que contribúen a que sexa mellor alcalde e persoa”, admite o alcalde de Nigrán

A apertada axenda de cinco días incluíu a visita a distintas accións de post emerxencia xurdidas tras o paso do ciclón Idai e outros furacáns que nos últimos anos asolaron este país, considerado un dos máis vulnerables perante o cambio climático. Entre elas, coñeceron in situ a construción de catro vivendas en Boane, así como a reparación e ampliación da cobertura dos servizos de auga e iluminación pública no municipio de Nhamatanda. A comitiva galega coñeceu o programa de promoción dos dereitos da infancia no medio rural impulsado pola Fundação Encontro, a través do cal centos de cativos reciben apoio nutricional nas escolas, trabállase na desestruturación dos estereotipos de xénero e mellórase a asistencia sanitaria e aproveitou tamén para facer entrega dos materiais adquiridos no marco da campaña ‘Unha rapariga, un paquete de compresas’, que proporciona braguiñas menstruais ás rapazas para que non falten ás aulas mentres teñen a regra, freando así o abandono escolar e reducindo tanto o gasto como o impacto ambiental, xa que son lavables e reutilizables.