A Aula da UNED, no antigo Convento de San Domingos, en pleno Camiño de Santiago, acolle hoxe e mañá o Forum Peregrino organizado por Iacobus Tui Baixo Miño coa colaboración do Concello de Tui. Trala a apertura hoxe ás 10.00 horas polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o primeiro poñente será o tudense Rafael Sánchez Bargiela, historiador e experto do Camiño e gran colaborador que falará sobre “Crónicas e relatos sobre Tui, de peregrinos polos Camiño Portugués”. A continuación, ás 11.00 hroas, Javier Pitillas, de Discamino, presentará o seu proxecto solidario “Que ninguén te diga que non podes” que foi finalista dos premios Princesa de Asturias. Tamén hoxe, ás 12.15 horas, estará o profesor da Universidade de Porto, Joel Cleto, que disertará sobre “Camiños a Santiago. A importancia de camiños de paz en tempos de intolerancia”.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, están previstas visitas guiadas aos conxuntos históricos de Tui e Valença e unha travesía en barco polo Miño. E ás 20.30 horas na igrexa de San Francisco celebrarase a Misa Peregrina.

Xa o domingo a apertura da xornada correrá a cargo de Manuel López, presidente de FEGAC, Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño. A continuación, ás 10.15 horas.,Jorge Martínez Cava, presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, FEACCS, pronunciará a conferencia “Retos do asociacionismo xacobeo. Cara ao ano 2027”. Alfonso Ferreira, secretario de Iacobus, intervirá ás 11.00 horas co título “Eu? Peregrino!”. Ás 12.15 horas Quinin Freire, mestre viaxeiro, presentará o proxecto escolar “Unha ventá aberta ao mundo” que recibiu o Premio Camiño de Santiago 2018 ao mellor proxecto educativo sobre o Camiño. Ás 13.00 horas o tema da conferencia será “Camiño de Santiago, anos santos e xacobeos, converxencias e diverxencias”, impartida polo profesor da Universidade de Santiago e xornalista experto do Camiño, Manuel Rodríguez.

O peche do Forum 2022 correrá a cargo de Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.