O Concello de Arbo, en colaboración co Concello de Riós, a Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), organizan xornadas gratuitas sobre o castiñeiro en Arbo.

As xornadas gratuitas, son de un día de duración, en horario de 10.00 a 14.00 horas e terán lugar no Salón de Conferencias do Museo Arabo, os días 24 de maio e 9 de xuño e a temática será a planificación para plantación de castiñeiros, así como as pragas e doenzas do castiñeiro.

Estes cursos están dirixidos a produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria, desempregados na busca dunha incorporación ao mercado laboral por conta allea en empresas do sector primario, comunidades de montes e aqueles veciños e veciñas que queiran saber máis sobre o castiñeiro e o seu cultivo e coidado.

Na xornada do 24 de maio, explicarase a elección do sitio da plantación; as orientacións recomendadas, as zonas climáticas do castiñeiro,os tipos de solos, etc. Mentres que a xornada do 9 de xuño xirará sobre o coidado dos castiñeiros, as súas doenzas e pragas.

Inscricións nas oficinas do Concello de Arbo, no 986 66 50 00 ou no mail oficinas.concellodearbo@gmail.com.