A marcha Sestelo-Clásica Álvaro Pino percorrerá mañá ata sete concellos do Condado-Paradanta. Congregará na comarca a ciclistas chegados de todos os puntos da península que pedalearán por Ponteareas, Mondariz, Mondariz Balneario, Covelo, A Cañiza, As Neves e Salvaterra.

O gran fondo cicloturista repite este ano percorrido. 110 quilómetros, con saída e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, reagrupando aos corredores nos avituallamentos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión.

A marcha ao seu paso por estes 7 municipios terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, recibiu ao gañador de La Vuelta a España, Álvaro Pino, na presentación do maillot da marcha e lembra a importante conexión que hai entre o Concello de Covelo e os afeccionados ao ciclismo, “é unha clásica moi arraigada no Condado Paradanta, que da a coñecer os dez concellos así como a riqueza natural e paisaxística axudando a posicionar este territorio como un destino de calidade para turismo deportivo. Covelo é un concello de grande atractivo para os ciclistas e, a diario, vemos como adestran nas nosas estradas tanto profesionais como afeccionados. Para nós é unha satisfacción e un espectáculo poder ter a tantos deportistas na nosa praza, véndoos chegar e saír para continuar a proba” apuntou o rexedor de Covelo.

Os organizadores da marcha, Plan C, estiman este ano unha participación de 500 corredores tras o éxito da pasada edición.

A Sestelo-Álvaro Pino está patrocinada por Grupo Sestelo e Grupo Asegurador Lynalfa e conta co apoio e coa colaboración do Concello de Ponteareas, da Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta.

Os interesados en ter máis información poden entrar na páxina web www.clasicaalvaropino.com.