Un espazo virtual para dar cabida a todo o sector da hostalería, servindo así de escaparate para todas as persoas que visiten Moaña e busquen onde xantar, cear, durmir ou tomar algo. É o obxectivo da páxina web hostaleriamoaña.com posta en marcha de maneira desinteresada por Fernando Rúa que levou adiante a proposta co propósito de que todos os hostaleiros da vila teñan o seu propio espazo e que eles mesmos poidan xestionar, facendo as publicacións que crean oportuno en cada momento.

A páxina conta cun apartado no que figura unha listaxe cos establecementos asociados, os cales á súa vez contan ca súa propia ventá con información particular de cada un deles, recolléndose datos de contacto, descrición, fotografías e a carta, entre outros elementos.

A alcaldesa Leticia Santos subliñou que se trata dunha “ferramenta sinxela e práctica e garante o acceso democrático a todos os asociados a ter presenza en Internet. Cada vez somos máis os que decidimos onde comer ou durmir a través de Internet, é fundamental estar aí”. Pola súa banda a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Coral Ríos, incidiu na “boa relación e no diálogo permanente entre Concello e Asociación. Participou na creación do orzamento municipal porque está integrada nos consellos veciñais e asinouse un convenio, co cal demos pé a que iniciaran o proceso de creación desta páxina web propia”.

Máis de 60 socios

Dende a asociación indican que a decisión de unirse foi “para ser máis fortes, tanto entre nós como cos nosos clientes, e crear as ferramentas ideais para chegar mellor a eles”. Na actualidade son máis de 60 negocios os que a integran, o que supón máis do 80% dos locais de hostalería de Moaña.