A Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix) de Tomiño presenta a súa oferta de accións formativas e de lecer para os vindeiros meses dirixida a poboación moza, maiores de 12 anos. O primeiro deles é un curso teórico-práctico de pintura básica impartido por Gemma Marqués que comezará nos vindeiros días; o obxectivo é entender a teoría da cor, aprender a mesturar as cores dun xeito rápido e eficaz, facer gamas de cor, aplicalas nos cadros e así poder crear obras cunha técnica axeitada, fácil e rápida.

Para o mes de maio, para os cales xa está aberta a inscrición, están programados un curso de iniciación de adestramento canino e outro monográfico de cestería. O primeiro será todos os sábados, de 11.00 a 13.00 horas, do 7 de maio ao 4 de xuño, na escola obradoiro de Goián; nel impartiranse nocións para lograr unha boa comunicación con cans e cadelas; diferentes opcións de materiais dispoñibles no mercado; utensilios de paseo, correas, arneses ou colares e xoguetes; coñeceranse as necesidades das mascotas, como satisfacelas axeitadamente e as bases do adestramento básico para o día a día; as persoas interesadas deberán asistir ao curso coa súa mascota, aínda que se permitirá tamén a asistencia de persoas en calidade de oíntes. Por outra banda, o curso de cesta mixta terá unha parte teórica, na que se aportarán datos detallados sobre a peza a tratar e datos sobre a identificación das materia primas que se empreguen, e outra práctica, na que cada participante aprenderá a confeccionar, crear e compoñer a súa propia peza, coa guía que aporte o docente; será o sábado 21 de maio, tamén en Goián, en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Por último, o obradoiro de vídeo mapping previsto para o pasado 8 de abril celebrarase o 23 e 24 de xullo. Dende Navarra e a bordo da súa máquina voadora chegará a Tomiño o artista visual Miguel Martínez Caraballo para impartir este taller. O alumnado participará activamente durante dous intensos días de formación e proxectará sobre a fachada do concello o videomapping realizado.