Medio ambiente

O horto urbano comunitario de Nigrán abre hoxe con 40 usuarios

No primeiro dos obradoiros sementarán plantas aromáticas

O alcalde Juan González e as técnicas de SomosTerra, no horto urbano da Ramallosa.   | // D. P.

O alcalde Juan González e as técnicas de SomosTerra, no horto urbano da Ramallosa. | // D. P. / l. costas

l. costas

A primeira horta urbana comunitaria de Nigrán comeza a funcionar hoxe con 40 veciños inscritos nesta iniciativa, pioneira no municipio, posta en marcha polo Concello, da cooperativa local ‘SomosTerra’. O espazo habilitado sitúase na Praza Rosalía de Castro, ao carón da piscina mancomunada, onde se dispuxo 13 bancais deseñados ex-profeso para o lugar.

A principal característica desta horta é que é comunitaria, é dicir, todos os usuarios realizan os traballos polo ben común e non en parcelas de uso individual, distribuíndose a colleita de xeito equitativo entre os participantes. Para elo, Diana, Eva e Raquel, técnicas de SomosTerra, establecen un calendario de tarefas que os usuarios deben seguir. “Esta fórmula promove a importancia do traballo en equipo, fomenta a relación e convivencia entre os usuarios e ao mesmo tempo potencia a integración, non só se trata de cultivar, se non de crear un sentimento de identidade comunitaria”, explica o alcalde Juan González.

“Con este proxecto piloto queremos promover o autoconsumo nunha contorna que é moito máis urbana que o interior do municipio, xa que moitos veciños desta zona o desexaban pero non dispuñan desta posibilidade nos seus fogares”, sinala o rexedor, quen incide en que ao mesmo tempo se fomentan hábitos saudables e se potencia a sensibilidade ambiental e o sentimento de pertenza ao barrio, polo que é un modelo que o Concello aposta por implantar noutros núcleos do municipio.

Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través dun formulario na web pendurado en www.nigran.es ou de xeito presencial no aparcamento municipal da Ramallosa, o prazo para participar está sempre aberto e o único requirimento é estar empadroado en Nigrán e cumplir as pautas de funcionamento.

“Cada mes estableceremos uns criterios de plantacións axeitadas á estación e asociacións e intolerancias entre plantas, faremos tamén un diario de campo e estaremos abertas a recibir propostas alternativas por parte dos inscritos”, explican desde SomosTerra.

Tódolos sábados de 12.00 a 13.30 horas impartirán obradoiros gratuítos, comezando hoxe cunha sesión dedicada ás plantas aromáticas e continuando nas posteriores con asuntos como compostaxe e vermicompostaxe, hortas verticais, plantas medicinais, control biolóxico de pragas, recollida de auga... A maiores, os luns (de 12.00 a 13.30 horas) e mércores (de 17.00 a 18.30 horas) estarán as técnicas na horta para resolver dúbidas, asesorar e colaborar.