O baionés Pipo Vilar, foi o artífice da parada do barco pirata Wodnik en terras baionesas. A embarcación chegou ao peirao Cristóbal García Samiento, xunto á Cabela Pinta logo de partir dende Cádiz e pasar por Palos de la Frontera.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, foi o encargado de dar a benvida á tripulación á vila mariñeira. Tamén recibiu a Clarisse Béchu, tenente de alcaldesa de Saint-Malo, localidade portuaria da bretaña francesa, punto final da travesía da embarcación.

Pipo Vilar fixo entrega ao rexedor baionés dun pergamiño que contiña unha mensaxe de felicitación do novo ano e a intención de seguir estreitando os lazos do pobo irmán de Palos de la Frontera.

Pola súa banda, o rexedor local “agradeceu ao baionés o traer ata a localidade a embarcación para o goce de toda a veciñanza”. O alcalde aproveitou a ocasión para convidar á representante institucional francesa á próxima celebración da Festa da Arribada para coñecer de primeira man a festa por excelencia baionesa que ligou para sempre a vila coa travesía de Colón a América.

A embarcación é unha réplica do galeón polaco Wodnik do século XVIII, recuperándose en 2010 para a serie ‘Piratas’ de Telecinco, con Pilar Rubio e Óscar Jaenada como protagonistas. Ten 30 metros de eslora, salón, adega e tres cubertas, e estivo uns días, antes de rematar o ano 2021, na Real Vila.