O Concello do Porriño retomaba os cursos de defensa persoal feminina o pasado mes de novembro, logo do parón provocado pola pandemia da COVID.

Celébranse ao longo de todo o ano os sábados impares (dous alternos ao mes) de 09.00 a 13.00 horas nas instalacións do ximnasio Jovhen Sport, no número 18 da Avenida de Bos Aires. Están dirixidos a todas as mulleres, sen límite de idade, e son totalmente gratuítos, sen inscrición previa, unicamente é preciso acudir o propio día con roupa de deporte.

Os monitores do curso, que contan coa colaboración de axentes da Policía Local, ensinan técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais contra as mulleres.

Por outra banda, en Gondomar e no Rosal celébrase a vindeira semana un curso de autodefensa para mulleres en situacións violentas, impartido por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A formación, concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade, é gratuíta e desenvolverase o martes 18 e xoves 20, en horario de mañá, de 09.30 a 13.30, no Centro Neural de Gondomar, e pola tarde, de 16.30 a 20.30 horas, no Centro Social Polivalente do Rosal.

As mulleres interesadas en participar poden inscribirse nas oficinas do Centro de Información á Muller (CIM) de Gondomar, situada nas dependencias do antigo Centro de Saúde, ou a través dos números de teléfono 986360224 e 986389355; e no caso do Rosal chamando ao número 986625000 ou enviando un correo electrónico a notifica@orosal.gal.