Un total de 50 centros educativos de toda Galicia desenvolverán programas de integración das familias na actividade da biblioteca escolar ao longo do curso 2021/2022. A Xunta vén de resolver fai uns días a convocatoria desta nova iniciativa, Lectura e Familias, dotada con 125.000 euros.

Todos os centros participantes están integrados no Plan de Mellora Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e solicitaron participar neste novo programa, cuxo obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e de traballo coa información e medios de comunicación.

Deste xeito, poderán intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como lectores e usuarios de información.

Na provincia de Pontevedra participan desta iniciativa un total de 17 centros, entre eles 5 da bisbarra, que son os CEIP`s Plurilingüe Antonio Palacios e da Ribeira, do Porriño; Laredo, en Redondela e o de Rebordáns e Plurilingüe Nº1, de Tui.

Esta acción enmárcase no impulso da participación das familias nas bibliotecas que a Xunta realiza a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) na que se ten avanzado de xeito significativo nos últimos anos a través de programas como os Clubs de Lectura, Hora de ler ou as Mochilas viaxeiras.