A Área Recreativa Bouza de Miguel, en Arbo, dispón agora de pista de skate que se suma ao tobogán xigante, os columpios adaptados e a tirolina existentes, ademais de contar con mesas e un asador para gozar dunha xornada de natureza coa familia ou os amigos.

A nova pista de skate está incluída no Parque Forestal Bouza de Miguel, creado e promovido polo Concello de Arbo coa colaboración da Comunidade de Montes de Arbo.

Esta nova pista con tres elementos para a pratica deportiva sobre rodas, con monopatíns, patinetes ou bicicleta, foi financiada a través dun convenio asinado polo Concello de Arbo e a Secretaría Xeral para o Deporte donde o departamento da Xunta se compromete a aportar 24.000 euros. O importe restante, case 6.000 euros€, asumiraos con fondos propios o Concello de Arbo.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, destaca que “no Concello somos conscientes de que, entre as actividades deportivas que a poboación xuvenil do municipio está a demandar, atópase a práctica de deportes urbanos, en especial do skate”. Por este motivo, explica o rexedor que “detectada esta necesidade, e carecendo actualmente Arbo de instalacións específicas para a súa práctica, desde o Concello procedeuse a solicitar axuda a Xunta de Galicia para a colaboración na creación da pista e seguir así na liña de atender a demanda de toda a poboación arbense”.

Ademais, nesta área o Concello de Arbo vén de plantar unha vintena máis de árbores, para mellorar a masa forestal, a calidade de vida e a calidade do aire, e atendemos as demandas veciñais para o mantemento e coidado dos nosos parques e xardíns.

A Área Recreativa Bouza de Miguel é un espazo de lecer que está dentro dun entorno único a carón do polideportivo e o campo de fútbol de Arbo e a escasos 100 metros da piscina municipal, cun miradoiro ao con vistas ao río Miño, que o converten no lugar ideal para pasar un día en familia, rodeados de árbores autóctonos e divertidos xogos infantís.

En engadido, existe un sendeiro que une este parque co barrio da Estación, un roteiro de aproximadamente un quilómetro que conduce á praia fluvial da Estación, dende onde se pode comezar o Sendeiro dos Pescadores e rematar na praia fluvial de Sela ou o Sendeiro do río Miño-río Deva, que remata na praia fluvial de San Xoán.

O Concello de Arbo está actualmente á espera dunha nova cesión de máis terreo por parte da Comunidade de Montes de Arbo, para seguir enriquecendo a Área Recreativa Bouza de Miguel con máis equipamento deportivo, infantil e dotacións de lecer para goce da veciñanza de Arbo e tamén os visitantes atraídos pola súa paisaxe e gastronomía.