Continuando na senda dos obxectivos marcados no ano 2020 contra a violencia de xénero, o Concello de Soutomaior puxo en marcha a campaña “Ultravioleta”, que ten coma principal obxectivo poñer o foco sobre as violencias menos visibles, mais non por iso menos perigosas ou menos presentes na nosa sociedade.

A luz ultravioleta ou luz negra, ten entre outras aplicacións prácticas, na ciencia forense, a posibilidade de resaltar en cores fluorescentes na escuridade diferentes fluídos, tons e rastros que pasan desapercibidos na luz do día, facilitando así a súa detección. A campaña, pretende do mesmo xeito, resaltar e axudarnos a detectar como sociedade, violencias que temos normalizadas, ou incluso xustificadas, dentro das relacións de parella que son un xeito de abuso e violencia emocional, e teñen unhas consecuencias importantes na saúde das mulleres, tanto a nivel psicolóxico coma físico, e que na actualidade forman un problema de saúde pública para a nosa cidadanía.

Participación do comercio local

Ultravioleta, 25N, quere subliñar e poñer nome a todas esas desigualdades e abusos, dando luz para detectalas e identificalas como formas de violencias machistas que afectan de xeito transversal e estrutural a todas as mulleres, con maior ou menor intensidade, nalgún dos ámbitos da vida. A campaña Ultravioleta, ilustrada pola artista viguesa Andrea Jano, e que xa vestiu o 25N do 2020 , desenvólvese coa participación do comercio local, dando visibilidade á mesma nos establecementos e escaparates e repartindo material da campaña.

Ata o día de hoxe, enmarcadas nesta programación representáronse a obra de teatro “Invisibles” e a comedia musical “O Candil”, e o vindeiro venres, ás 18.00 horas, a biblioteca municipal Luís Seoane, acollerá a presentación do libro “Calladita no eres más bonita”, escrito por Nuria Prieto, baseado en testemuñas reais de mulleres novas menores de 30 anos, vítimas de violencia machista. Para a presentación e a posterior charla coloquio contarase coa presenza da escritora e máis de Esther, testemuña no libro, que falará en primeira persoa sobre a súa historia.