Unha andaina popular que implicou a miles de persoas do rural para que o mesmo día á mesma hora camiñaran dende 24 puntos distintos do territorio galego para reclamar o fin á violencia machista e defender a igualdade. Este foi o acto central da campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro.

Andaina polo sendeiro do río Tea. | // D. P.

Ademais, a través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta de Galicia tamén quere poñer en valor as diferentes rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, con motivo do Xacobeo 21-22.

O GDR Eu Rural, que integra aos municipios de A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui, organizaron unha andaina cun percorrido de 5 quilómetros de dificultade baixa con saída e chegada no Pazo de Mos. Participaron máis de 300 persoas as cales ao rematar puideron degustar empanadas mentres actuaba Meigas Fóra, da Asociación cultural Tangaraño.

O GDR Condado Paradanta, que integra aos municipios de Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, organizou unha andaina circular na que máis dun cento de persoas percorreron un tramo duns 6 quilómetros da senda do río Tea, con saída e chegada en Mondariz Balneario. Ao remate tamén houbo música folclórica acompañada duns petiscos. Para rematar deuse lectura a un manifesto conxunto dos 24 GDRs de Galicia, conectados mediante videoconferencia.