O espazo de lectura e de préstamo da biblioteca municipal de Gondomar están de novo en marcha e recuperan a súa actividade habitual. Logo de máis dun ano pechada debido, primeiro ao confinamento e despois ás obras de rehabilitación e modernización que culminaron coa construción do ascensor para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, a biblioteca volveu abrir as súas portas o pasado mes de setembro cos seus fondos actualizados e actividade renovada.

As instalacións recuperaron en outubro o seu horario habitual, permanecendo aberta, de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas polas mañás e entre as 17.00 e as 20.00 horas pola tarde, facilitando o acceso tanto ao espazo de lectura como ao servizo de préstamo, así como a diversas actividades que se desenvolverán durante o ano como poden ser as organizadas por Espazo Lectura, entre outras moitas.

Con todo, no tempo que estivo pechada, a actividade non cesou no seu interior xa que se aproveitou para acometer a primeira catalogación de volumes da historia da biblioteca, expurgando un total de 15.000 exemplares deteriorados ou repetidos e actualizando o fondo definitivo de títulos que se cifra en 12.000. Ademais, organizouse o espazo por cores, idades e temáticas para facilitar aos usuarios o acceso aos libros que buscan, de forma máis intuitiva.

Por outra banda, durante este proceso estableceuse un sistema de seguridade para evitar o roubo de libros, dotando aos volumes dun sistema de alarma e un arco de seguridade de control na porta de acceso e saída da biblioteca.