A Illa Fillaboa, de titularidade municipal, terá novos exemplares de árbores autóctonas como son: quercus suber, quercus Robur, Alnus Glutinosa, Laurus Nobilis, Fraxinus Angustifolia e Acer Pseudoplatanus. Trátase dunha replantación enmarcha, incluída no proxecto Visit Rio Miño.

A Illa de Fillaboa está situada na desembocadura do río Tea, dentro do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) do Baixo Miño ES114007, incluída en Rede Natura 2000, e conta cunha superficie en torno aos 100.000 metros cadrados.

O Concello de Salvaterra de Miño a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) e en colaboración coa Deputación de Pontevedra é beneficiario do proxecto “Visit Río Minho”, un proxecto ecoturístico, financiado un 75% por fondos europeos e que conta cun orzamento total de 2 millóns de euros que están a ser investidos na preservación e valorización do territorio Río Miño transfronteirizo, que abarca 26 municipios galegos e portugueses.

O obxectivo de “Visit Rio Minho” é a capitalización do río e do territorio adxacente a través de actividades transfronteirizas preservación, cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos asociados á promoción e comunicación do río como destino turístico, e dentro das diferentes accións a realizar está a replantación de especies autóctonas na Illa Fillaboa, co fin de potenciar o aproveitamento das condicións naturais desta illa no Tea.

A través desta acción preténdese mellorar a vexetación do propio entorno e convertela nun referente de aprendizaxe do medio ambiente, pasando a ser unha visita obrigada en Salvaterra para todos os que desexen gozar da natureza do río Miño e a súa contorna. Replantación que complementa o resto de accións que se levarán a cabo dentro do Proxecto Europeo Río Miño destino navegable, que busca por en valor o entorno do Miño dunha forma sustentable.