O municipio de Arbo ten unha ducia de adegas no seu territorio, caracterizado por ter un microclima propio de influencia atlántica que lle aporta temperaturas suaves e precipitacións abundantes, coas horas de sol necesarias para que as uvas acaden o seu punto exacto de madurez. Esta condición dota aos viños arbenses dunha calidade excepcional e encádraos dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A viticultura é a base da economía para os arbenses. Un total de doce adegas conforman a industria do viño en Arbo, moitas delas de tradición familiar, con coñecementos transmitidos de pais a fillos. As adegas de Arbo adaptáronse ás novas técnicas de produción, sen perder a riqueza e calidade que supón manter o cultivo e a recollida artesanal da uva, para despois si levar a cabo unha aplicación de tecnoloxías de vangarda para a súa produción.

Variedades como o caíño, brancello, espadeiro e pedral, dan como froito un apetecible tinto. Albariño, Torrontés, Treixadura ou Loureiro, brindan viños brancos de exquisito padal e delicada fragrancia, monovarietales de albariño e polivarietales de albariño treixadura e loureira, que son secos, intensamente afrutados e cun retrogusto moi fino e prolongado.

“Os viños de Arbo, nas súas distintas variedades, son o acompañamento ideal para toda clase de pratos. Supoñen un magnífico complemento á coidada gastronomía da zona” defende o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

A ribeira do Miño coa súa paisaxe e os viñedos configuran unha paisaxe harmónica.