Beli Martínez, Belita para moitos veciños da Guarda que a coñecen, vén de recibir o premio Chano Piñeiro na XXVI edición do Ourense Film Festival (OUFF), un galardón instituído este ano para “recoñecer ás persoas emprendedoras do audiovisual galego, que sacan adiante os seus proxectos, en ocasións. á marxe da industria estandarizada”.

“É para min unha gran honra recibir este premio, faime moita ilusión, por ser o primeiro a título persoal e por ser un recoñecemento a todos este anos de profesión. O cinema é moi personalista, soe premiar aos rostros visibles, e neste caso visibilízase un traballo oculto e duro”, asegura esta produtora guardesa.

Logo de rematar, en 2003, os seus estudos en Comunicación Audiovisual tivo moi claro cara onde orientar a súa traxectoria. Así realizou a súa tese doutoral sobre o cinema documental de non ficción en galego, un tema pioneiro do cal non se falara antes. Comezou a súa etapa de docente na Universidade de Vigo, coa que continúa a día de hoxe, e anos despois puxo en marcha Filmika Galaika co obxectivo “de producir as nosas propias películas, fomos buscando proxectos de corte autoral, cun discurso e ollada propia”, subliña.

A súa primeira peza foi “Vikingland” dirixida precisamente polo tamén veciño da Guarda, Xurxo Sirro. Trátase dun documental, retrato da emigración galega en Europa nos anos 90, que fala dun mariñeiro guardés emigrado ao norte do continente, no que el mesmo se encargou de filmar as imaxes. Estreouse en 2011 e dende entón, nesta última década, foron varias as curtas e longametraxes que viron a luz a través de Filmika Galaika, en moitas ocasións botando man da coprodución, como é o caso de “Longa Noite”, de Eloy Enciso, galardoada no prestixioso Festival de Locarno.

As producións máis recentes son “Sycorax”, de Lois patiño e Matías Pieñeiro, estreada este ano no Festival de Cannes, e “Eles transportan a morte”, estreada tamén en 2021 en Venecia.

Actualmente segue compaxinando a docencia coa produción. “Neste momento estamos coa preprodución de “La Parra”, unha longametraxe de Alberto Gracia que se vai rodar a finais de ano en Ferrol. E, de xeito paralelo, estamos filmando “Krakatoa”, un proxecto de Carlos Casas, filme de corte eminentemente experimental sobre o Krakatoa e que narra a historia do último supervivente á erupción do volcán”.

A Guarda

Con esta extensa e comprometida axenda profesional que, á vez, a está a levar polos festivais de cinema máis importantes de todo o mundo, Beli sempre ten un oco para volver a súa terra natal; leva á Guarda no seu corazón e sempre que pode visita a vila mariñeira, onde reside toda a súa familia.