A formación galega Odaiko actúa hoxe, ás 21.00 horas, en Arbo, dentro do programa de verán cultural do municipio. Presentará o espectáculo familiar musical Setestrelo, incluido na rede Cultura no Camiño.

Como en outros eventos ao aire libre deste verán, o Concello de Arbo non esixe reserva previa pero si que o público debe asistir con tempo para aplicar as medidas de seguridade anticovid.

Odaiko leva máis de dezaoito anos nos escenarios, deseñando espectáculos musicais e escénicos alternativos, nos que a música, a palabra e a presentación, fusiónanse para construír propostas comunicativas que xeran unha experiencia orixinal e participativa para o público.

A formación ten realizado xa unha decena de proxectos que exploran estilos e representacións que van desde a música de raíz á creación contemporánea, con propostas que integran o teatro, a performance, e mesmo con espectáculos especializados para públicos infantís e familiares.

Odaiko está integrado por percusionistas multidisciplinares de acreditadas traxectorias, sendo xunto cos Percusionistas de Estrasburgo, unha das moi poucas compañías de percusión profesionais en Europa, especializadas neste xénero musical.