O mondarizán fundador da histórica Orquesta Mariño, que estivo en activo case 30 anos (1956-1984) faleceu para gran pesar do seu pobo. Fillo predilecto de Mondariz e músico capaz de tocar numerosos instrumentos, José Bautista Mariño Outerelo, coñecido como “Farruco”, faleceu aos 93 anos.

Mariño naceu o 21 de novembro de 1927 en Mondariz. Foi director do coro Santa Baia e do grupo de gaitas Vos do Val. Formou as agrupacións Amencer e Novo Amencer e na súa última etapa profesional actuou coas formacións Acordes e Noroeste. Tamén estivo baixo a batuta dos prestixiosos mestres Rovira e Rogelio Groba.

A música foi a súa vida e a súa paixón desde moi novo. Comezou a estudar solfexo aos 13 anos en Meaño e con só 20 incorporouse á Banda de Música do Balneario que dirixía entón Casiano Paredes, outro dos seus grandes referentes. Facendo o servizo militar o Huesca integrou Banda de Música Militar de Cazadores de Montaña nº 4 de Jaca e de aí xa deu o salto ao escenario coa Orquestra Venus. Tocaba o acordeón, a frauta travesera, os teclados, a batería...

Moi querido en toda a comarca do Condado, foi un persoeiro fundamental na cultura popular e o Concello de Mondariz así llo recoñeceu sendo fillo predilecto no 2015, por acordo unánime da corporación e a petición de numerosas asociacións.