Unha actividade da que desfrutan os escolares de Tomiño chegados á recta final do curso e que xusto este ano cumpre dúas décadas de historia. Así se denomina o Turonia, palabra que tomaron dos romanos, que chamaban a esta zona “Terras de Turonia”.

Alumnado de 5º e 6º do CEIP Barrantes.

Trátase dunha xornada de convivencia entre o alumnado dos distintos centros educativos do municipio que xurdiu en 2001 a raíz dunha idea do profesorado de ximnasia do CEP Pedro Caselles Beltrán á que pouco a pouco se incorporou o alumnado dos cinco colexios de Tomiño, congregando a uns 600 nenos que, todos xuntos, saen de excursión para visitar e coñecer lugares emblemáticos do concello, que destacan polo seu valor natural, cultural ou etnográfico.

Pero como está a ocorrer con todo, a pandemia da COVID-19 minguou o Turonio deste ano, xa non saíron todos xuntos en grupo nin tampouco pasaron unha noite fóra. Con todo, aínda que algúns colexios optaron por non participar, houbo dous que si o fixeron, trátase do propio impulsor, o CEP Pedro Caselles Beltrán, e o CEIP Barrantes.

Neste último, programáronse catro saídas, por grupos de idade: Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria, 3º e 4º e 5º e 6º, sumando 97 escolares.

O director, Iván Núñez, explica que o alumnado de 1º e 2º saíu a pé dende o colexio ata a traída de augas do Mosteiro, para despois volver ao centro. Os de 5º e 6º, nunha saída máis longa que se prolongou ata as sete da tarde, foron ao Monte Tetón, a San Salvador de Tebra, a Vilameán, Muíños do Porto e Cristelos. Os rapaces de 3º e 4º realizaron o mesmo percorrido que os de 1º e 2º, pero en diferente día, e o alumnado de Infantil achegouse ata o río próximo ao colexio.

“A finalidade destas saídas, ademais dunha actividade física e de convivencia, é tamén a de coñecemento da riqueza da nosa contorna cultural”, asegura Núñez.

“Hoxe foi un gran día para as nenas e nenos de 1º e 2º curso. Hoxe fixeron o seu Pequeturonia. Coas súas flamantes camisetas novas, e as gorriñas verdes fixeron un anaco do Camiño de Santiago, concretamente entre o Mosteiro e Estás. Polo traxecto fixéronse expertos en petos e cruceiros, tamén aprenderon moitas cousas sobre a ruta xacobea, o apóstolo e Prisciliano. Logo do xantar nas sombras dos muíños da Gandariña, volveron ao colexio nun tren “chuchú.” Unha experiencia inesquecible”. Así é como relata a excursión dos máis pequenos o director do CEP Pedro Caselles Beltrán, Alfonso Lorenzo.

A actividade que acostumaba durar dúas xornadas tivo que reducirse a unha por mor da COVID-19. Porén, esa única xornada foi moi intensa, ao longo de horas o alumnado de 6º non parou de percorrer os camiños do municipio. As dez da mañá partiron a pé para facer unha ruta circular na que se familiarizaron co manexo de mapas e a orientación, co estudo da flora e da fauna, da calidade da auga do río Pego.... Xa de volta no colexio aproveitaron para xantar e descansar e a primeira hora da tarde saíu en bicicleta, unha ruta ata o embarcadoiro de Goián, onde tiveron unha experiencia con canoas, grazas ao Club Deportivo Miño-Os Teixugos, e de novo sobre dúas rodas regresaron ao centro.

Os de 3º fixeron unha saída ao río da Pedra, os de 4º foron a San Bieito con visita ao Pazo do Mosteiro e os de 5º ruta de ida e volta a Vilameán. En total participaron uns 200 escolares.