O Nigranjazz, festival senlleiro do Concello de Nigrán, cumpre 15 anos sendo o máis lonxevo organizado dende o consistorio e o único dedicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, lonxe das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro da Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek, Kurt Rosenwinkel... Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos

O festival Nigranjazz volverá a reunir, o 30 e 31 de xullo no esteiro da Foz, aos músicos nacionais e internacionais con maior proxección mundial nun ano marcado novamente polas limitacións da pandemia. Nesta cita, como novidade, Porto do Molle será o escenario da xa tradicional master class e das jam sessions, que por vez primeira serán en sesión vermú, ás 13.00 horas no Espacio Gastronómico Mollo, e as abrirán músicos emerxentes da escena local, Juan Guerro Trío (día 30) e Xurxo Estévez trío (día 31) . A entrada, como sempre, é de balde, pero deberá limitarse ao aforo e normas marcadas pola regulación sanitaria dese intre.

“É unha edición marcada aínda pola pandemia, tanto en restricións como en posibilidade de traer a músicos de fóra, pero pese a todo conseguimos manter o nivel de excelencia”, explica o director, Felipe Villar.

A programación foi presentada xunto co propio cartel, resultado do certame ‘Quin Alborés’ no que se recibiron 176 propostas de todo o mundo, sendo o gañador o deseñador gráfico de Sabarís David Sierra

Ao igual que no 2020, esta nova edición estará especialmente consagrada aos músicos nacionais e galegos, algo xa tradicional porque sempre se mesturaron en formacións ex-profeso con outros artistas internacionais pero que este ano é máis patente ante a dificultade de contratar artistas dos Estados Unidos. Así, Ombra de Lúa, cuarteto liderado por Jordi Gaspar ao baixo e Rubén Fernández á voz con Xosé Miguelez ao saxo tenor e Max Gómez á batería, abrirán o festival o venres 30 ás 21.00 horas, e ás 22.30 horas será a actuación estelar do trompetista canario Natanael Ramos, que sumará á formación a dous dos máis recoñecidos músicos galegos, Virxilio Da Silva á guitarra e Xan Campos ao piano, adicionalmente contará con Esther Van Hees á voz, Matt Adomeit ao contrabaixo e Pit Dahm á batería.

Xa o sábado 31 será a quenda da Focusyear Band, formada por oito músicos de todo o mundo con bolsa no programa educativo suízo Focusyear, proxecto anual dedicado a acadar a excelencia musical mediante a tutorización dos mellores mestres internacionais. A continuación, ás 22.30 horas, pechará o festival o pianista galego máis internacional, o vigués Iago Vázquez, residente en New York desde que no 2008 obtivese unha bolsa da The New School for Jazz Music graduándose con Honores. Vázquez tocará co xaponés Masa Kamaguchi ao contrabaixo e o italiano Luca Santaniello á batería.

Master class coa Focusyear Band

Coma cada ano, o Nigranjazz ofrece unha Masterclass de Combo conducida por un dos artistas principais do festival. Este ano encargaranse de impartir a clase os compoñentes da Focusyear Band, que conta cunha sección rítmica composta por batería, contrabaixo e piano, máis dous trompetistas, dous saxofonistas e unha cantante. A clase estará especialmente indicada para estes instrumentos pero aberta tamén a outros. Os asistentes poden participar activamente (para o cal deben levar cadanseu instrumento) ou coma oíntes dependendo do seu nivel

Será no salón de actos do Centro de Negocios de Porto do Molle entre as 11.00 e as 13.00 horas do sábado 31. O custo é de 20 euros, e o alumnado do Conservatorio Mayeusis, da Escola de Música de Nigrán e da Escola Gain Over de Nigrán terá un prezo reducido de 15 euros. A inscrición farase enviando un correo a nigranjazz_matricula@folque.com e cubrindo un formulario. Os músicos interesados en realizar clases privadas de instrumento coa Focusyear Band poden escribir ao mesmo mail e pedir máis información.