A Praza de San Sebastián no Porriño converterase, a tarde do vindeiro sábado, nunha gran pista de baile. Celébrase na vila por vez primeira “Breaking Battle Porriño”, unha competición e encontro de break dance que irá acompañado de música en directo. O breaking é un tipo de danza orixinaria da cultura Hip Hop de finais dos anos 70, caracterizada por ter un alto compoñente acrobático e por desenvolver a maior parte das súas técnicas preto do chan.

Así, dende ás 17.00 e ata las 21.00 horas, terá lugar este evento que contará cun único formato 1vs1 (individual) e con dúas categorías de participación, unha de “Kids” dirixida a idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos e outra “Absoluta” para participantes maiores de 18 anos.

Apoiar a diversidade no ámbito da cultura, do deporte e do lecer; promover a práctica do breaking como hábito que mellora a calidade de vida da mocidade a nivel corporal, mental e social e facilitar un punto de encontro entre os mozos, promovendo valores de respecto e solidariedade a través da experiencia competitiva son os principais obxectivos desta actividade.

A inscrición para participar é de balde e poderá formalizarse enviando un correo electrónico ao enderezo info@vellaescola.com co asunto “Inscrición Breaking Battle Porriño” no que se indique nome e apelidos, DNI, data de nacemento, localidade, un enderezo de email e teléfono de contacto e nome artístico (AKA). Precisamente, hoxe, 3 de xullo remata o prazo de inscrición.

A organización do evento contará cos protocolos e medidas de control de aforo axeitadas para garantir a seguridade en todo momento, tanto dos participantes como do público asistente

Xogos Olímpicos de París

O Concello do Porriño celebra este evento ao abeiro das Festas de San Bieito. A concelleira de Cultura, Camila Moreira, subliñaba durante o acto de presentación “o esforzo conxunto da OMIX do Porriño e das concellerías de Deportes e Festas para achegar novas propostas de lecer, cambiando rexistros e organizando eventos máis demandados pola mocidade”.

O breaking converteuse nun medio de expresión artística de carácter cultural e mundial que inclúe elementos deportivos, dando así a súa natureza atlética, feito que conduciu ao Comité Olímpico Internacional (COI), a recoñecelo como deporte olímpico con debut nos Xogos Olímpicos de París 2024. Neste senso, Pablo Castiñeira, representante de Vella Escola, produtora do evento, auguraba “unha alta participación aproveitando”.

Entre os participantes que se darán cita no Porriño agárdase a presenza de David Amor, un mozo de Neda de 14 anos que xa é o segundo na clasificación nacional desta modalidade e foi medalla de bronce no Campionato de España en 2020. De aí que a concelleira concluíse coa frase “dende O Porriño a París” tendo en conta as posibilidades deste mozo de ser seleccionado para as vindeiras olimpíadas.