A Concellería de Turismo de Gondomar retoma o programa de rutas turísticas “Descobre Gondomar” que na súa volta convida a coñecer o Pazo do Conde de Gondomar.

Esta primeira cita desenvolverase o próximo xoves 24, a partir das 18.30 horas, e nela poderá participar un máximo de 20 persoas. A visita, dunha duración aproximada de 90 minutos, partirá da Praza Paradela ata o acceso do Pazo do Conde onde se visitará a súa zona axardinada, a muralla que o rodea e, posteriormente, accederase ao seu interior.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando os datos de contacto por email a oficinadeturismo@concellodegondomar.gal ou chamando ao 678 87 49 85.

Xullo e agosto

Fútbol, fútbol sala, fútbol feminino, tenis, patinaxe artística, ximnasia acrobática, bolos celtas e fútbol gaélico son as distintas modalidades deportivas que se ofrecerán nos campus deportivos deste verán en Gondomar.

A Concellería de Deportes recupera estes tradicionais campamentos que se viron interrompidos o pasado verán pola pandemia.

Desenvolveranse en diferentes datas, durante os meses de xullo e agosto, e están dirixidos a nenos e mozos de entre os 5 e os 17 anos, dependendo da actividade.

As persoas interesadas poden inscribirse e solicitar máis información no propio pavillón municipal ou a través do correo electrónico deportes@concellodegondomar.gal.