Mos vén de presentar unha nova edición do Festival Infantil Musicando no Canto Conto. Organizado polas Maimiñas (Mai e Miña, Lucía Lago e Irene Álvarez) e Reviravolta Produccións, patrocinado polo Concello de Mos e a Xunta de Galicia, e coa colaboración da Fundación Pazo de Mos, celebrarase o domingo 30 de maio no Pazo; contando coa actuación matutina, ás 12.30 horas, de As Maimiñas e, pola tarde, concerto de Xoan Curiel ás 19.00 horas e actuación do grupo Animar-T.

A asistencia como público é totalmente de balde pero require de inscrición previa para poder garantir todos os protocolos e medidas anti COVID-19. As persoas interesadas en asistir deben escribir un correo electrónico ao enderezo as.maiminas@gmail.com no que indiquen nome, apelidos e número de teléfono móbil, así como o concerto e/ou concertos aos que se quere asistir e o número de persoas asistentes. Para finalizar o procedemento, os inscritos recibirán no seu correo electrónico a pertinente invitación para poder acceder ao evento

Tanto Maimiñas como a alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, declaráronse “moi contentas e satisfeitas de retomar un ano máis o Musicando Canto Conto, tras non poder celebrarse o ano pasado por mor da crise sanitaria”.