O Concello de Nigrán vén de estrear un gran mural de Rosalía de Castro na praza que leva o seu nome obra do grafiteiro miñorano Daniel Fernández ‘Dani Seek’. Con esta iniciativa, encadrada na programación do mes das Letras Galegas, o goberno local desexa “vincular de verdade á praza co propio nome que homenaxea e, ao mesmo tempo, mellorar a imaxe desta entrada habitualmente vandalizada”.

Deste xeito, no túnel de acceso, de 14 metros de lonxitude e 2,5 de altura, exponse un graffiti moi colorista en ambas paredes no que figura o rostro da escritora galega universal, o seu verso ‘Cantarte hei, Galicia, teus dulces cantares’, e diferentes motivos propios da cultura galega e do medio natural, como flores, paxaros, unha gaita e unha pandeireta.

O mural, que suma 70 metros cadrados de superficie entre ambas paredes, é o maior que ten realizado ata agora este veciño de Sabarís de 27 anos, e está pintado exclusivamente mediante técnica de spray.