a cañiza

A Franqueira volve quedar sen Pascuillas

A pandemia impide recuperar a peregrinación ao santuario o vindeiro luns

Pintura da romaría de setembro no santuario da Franqueira, obra de Xabier Lemos.  | // D.P.

Pintura da romaría de setembro no santuario da Franqueira, obra de Xabier Lemos. | // D.P. / V.P.

V.P.

A pandemia da COVID-19 volve impedir, un ano máis, que o Santuario da Franqueira acolla este luns de Pentecostés, 24 de maio, a celebración da tradicional Romaría das Pascuillas na honra da Virxe da Franqueira, na Cañiza.

De novo quedou suspendida a tradicional peregrinación das parroquias da contorna ao santuario e tamén o encontro de case 70 imaxes. A veciñanza non camiñará xunta portando os seus santos, non haberá tampouco celebracións campestres entre familia e amigos. A música e o ambiente de festa terá que agardar.

Pola contra si se están a celebrar estes días misas no santuario. A novena comezou o pasado 15 de maio, de luns a venres ás 20.00 horas, os sábados ás 18.00 horas, e os domingos ás 16.30 horas.

Mañá, domingo de Pentecostés, haberá misas ás 10.00, 11.00 e 12.00 horas e, pola tarde, ás 16.30 horas; rosario e novena, e misas ás 17.00 e 18.00 horas.

O luns, día das Pascuillas, haberá misa ás 9.00, 10.00, 11.00 e 12.00 horas; esta última será solemne. Pola tarde, de novo misas, ás 17.00, 18.00 e 19.00 horas.

“Conforme ás disposicións sanitarias actuais celebraremos estes días coa máxima solemnidade que poidamos” explica o párroco do santuario, Javier Alonso, quen apunta que “como pobo que mira ao futuro pedimos pola saúde de todos”.

Campás renovadas

O Santuario da Franqueira renovou este mes o seu campanario, que levaba uns anos pedindo un arranxo. “Os mazos do sistema eléctrico estaban bastante deteriorados. Os xugos de madeira sufrían bastante deterioro” explica o sacerdote do santuario.

A actuación consistiu en cambiar o sistema da campá grande, e cambiar a posición de todas de maneira que agora tocan por dentro.

“Desta forma o son é máis orixinal e non dana tanto a campá. A madeira foi tratada cun líquido protector e os elemento de ferro pintados coa cor propia” apunta o cura.

Todo o traballo no campanario supuxo un investimento de 1.600 euros.