A Casa da Navegación de Baiona conta cunha nova peza de alto valor grazas á doazón de dous veciños. Trátase dunha áncora lítica que foi recuperada dos fondos mariños, na zona de A Carral en Cabo Silleiro, polos mariscadores José M. Durán e Iván González, logo de que este último a descubrise mentres faenaba ao ourizo. Agora loce na exposición da Casa da Navegación, acompañada do debuxo do barco de Pedornes, pois ambos están próximos no tempo.

Dende o museo, onde xa está exposta e se pode visitar, sinalan que este tipo de pezas, a primeira destas características localizadas na zona, eran empregadas por navegantes desde a protohistoria, fenicios e púnicos, anteriores aos romanos, en embarcacións de madeira semellantes á representada no petróglifo de Auga dos Cebros (Santa María de Oia). Ambos elementos (áncoras líticas e petróglifo de barco) son exemplo da navegación antiga polas nosas costas desde fai máis de 3.000 anos

A áncora que xa foi rexistrada nos inventarios e catálogos do museo, conta cunhas dimensións de 65 centímetros de longo, un ancho máximo de 35 e mínimo de 26, un espesor de 15,5 e un peso de 60 quilos. A peza ten dous buratos, polo superior atábase o cabo e os inferiores eran para pasar unha uñas de madeira, elementos cos que se agarraba no fondo. Ao ser de material perecedoiro, estas uñas non se conservaron.

Recoñécense varias maneiras de colocalas, simplemente encaixadas a presión, fixadas con pequenas cuñas no borde ou incluso apúntase a posibilidade de ningunha fixación a maiores, posto que a madeira mollada incha, o que impediría que se soltase, e o feito de ter un pouco de folgura evitaría a súa rotura en caso de que se produza un tirón do barco.